O Obradoiro recupera o creto no último cuarto
Fundamental vitoria diante de Andorra (81-73) nun partido que dominou agás nun nefasto terceiro cuarto que complicou o desenlace
O Obradoiro sumou un triunfo fundamental diante de Andorra, un rival directo na pelexa pola permanencia. Logo dun gran primeiro tempo parecía que todo o traballo se ía ao traste nun terceiro período nefasto. A mellor versión dos santiagueses apareceu no intre decisivo para remontar e acadar a sétima vitoria da temporada.
A posta en escena resultou inmellorable. Scrubb, Birutis e Ellenson asociábanse de tal xeito no primeiro cuarto que Andorra non atopaba o xeito de parar o trío máxico do Obradoiro (24-14). No segundo apareceu un Hobbs moi discreto ata o de agora na temporada para manter a diferenza e chegar ao descanso por riba dos dez puntos (46-35).
Todo mudou á volta do vestiario. Diagné e Mekel, dous actores secundarios de Andorra, convertéronse en estiletes e o Obradoiro non atopaba o camiño do aro contrario. A boa defensa do primeiro tempo esvaeceuse e deixou un preocupante 57-61 para os andorranos.
No último cuarto o Obra recuperou as súas mellores virtudes. Remontou ao comezo cun parcial de 6-0 e desde a defensa comezaron a recuperar o camiño perdido. O incansable Scrubb (22 puntos en 37 minutos) atopou bos socios en Hobbs (15 puntos e 9 asistencias) e Birutis. Conseguiron darlle a volta ao resultado e acadar unha vitoria que vale o seu peso en ouro.