Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Obradoiro fai historia no Sar cun brillante triunfo sobre o Barça (76-74)

O Obradoiro fai historia no Sar cun brillante triunfo sobre o Barça (76-74)

O equipo de Moncho Fernández refíxose logo do 22-28 do primeiro cuarto

O Obradoiro gañou os tres seguintes cuartos e levou a vitoria

Mirotic non puido forzar a prórroga no ataque decisivo

Foto: EFE
G24.gal 03/12/2022 23:27

O Obradoiro sumou a súa cuarta vitoria da temporada. Pero non foi unha vitoria calquera. Os de Moncho Fernández deron boa conta do Barça no Sar, nun partido en que competiron en todo momento, e no que foron quen de sacar de quicio a un equipo catalán que errou 19 triplas consecutivas.

No primeiro cuarto o equipo galego mantívose no partido, pero acabou seis puntos por detrás logo do 22 a 28. A partir de aí, os números din que os obradoiristas foron superiores nos tres cuartos seguintes: 18-15, 19-15 e 17-16. Chama a atención a baixísima anotación do equipo de Jasikevicius, incapaz de anotar nalgúns treitos do partido.

O Obradoiro culminou a remontada logo do descanso, e especialmente no último cuarto. Foi aí cando acadou unha vantaxe de 7 puntos, no momento en que o Barça sumaba dezanove triplas consecutivas erradas. Pero, logo do tempo morto, anotou dúas e púxose a un punto, volteando o marcador Laprovittola desde a liña de tiros libres.

O Obradoiro non perdeu a calma. E a falta de catro segundos, Phil Scrubb conseguía o 2+1 que obrigaba ao Barça a anotar. Algo que nunca sucedeu. Mirotic nin sequera foi quen de lanzar a canastra para forzar a prórroga. O triunfo, un histórico triunfo, quedaba no Sar.

Kassius Robertson estaba eufórico tras o partido: "Derrotar ao Barcelona é unha vitoria enorme. Estou moi orgulloso dos rapaces. Estaba algo nervioso ao principio. E na segunda metade, cando caeu o acerto... pero superámolo e conseguimos un enorme triunfo. Agardo que isto sexa un punto de inflexión na temporada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar