Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Obradoiro desaparece da pista do Valencia na segunda metade

O Obradoiro desaparece da pista do Valencia na segunda metade

Gañaba por 41-48 no minuto 25, pero nos seguintes dez minutos encaixou 40 puntos e acabou perdendo por 91-71

G24.gal 23/12/2021 21:25

Houbo un partido ata o minuto 25 e outro completamente distinto a partir dese intre. O Obradoiro dominaba por sete puntos nese momento, pero en dez minutos desastrosos encaixou corenta puntos e pasou a perder por máis de vinte puntos. O resultado final foi de 91-71, impensable mediado o terceiro cuarto. 

O equipo santiagués dominou o primeiro cuarto grazas ao seu acerto no tiro exterior. Cun Robertson imparable, os de Moncho Fernández fóronse de seis puntos (8-14), para acabar cun 18-24. O Obradoiro demostrou un grande acerto no tiro exterior ao longo de todo o primeiro tempo (7/13 en triplas) que lle permitiu manter a vantaxe no segundo cuarto no que chegou a manexar diferenzas de nove puntos (26-35). O Valencia só reaccionou xusto antes do descanso para ir ao vestiario cun 32-38. 

Unha tripla de Scrubb ao comezo do terceiro período puxo o +11 a prol do Obradoiro (32-43) pero entón apareceu Prepelic con sete puntos consecutivos para meter o seu equipo no partido. No minuto 25 dominaba o Obra por sete (41-48) xusto o intre no que comezou a desfeita. Foron cinco minutos nefastos nos que o Valencia fixo un parcial de 16-2 e pasou de ir a remolque no partido a dominar con claridade (59-51). 

O último cuarto consolidou a tendencia marcada neses últimos minutos. López Aróstegui e Dubljevic dominaban o encontro e o Valencia marchou por riba dos dez puntos e sentenciou o encontro. O parcial entre o minuto 25 e o 35 foi de 40-13 que fala ás claras da caída do rendemento obradoirista (83-61). Os últimos minutos foron os do lixo que levaron o partido ata o 91-71 final. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos