Unha senda conecta O Milladoiro coa intermodal de Santiago en 20 minutos en bicicleta
Con preto de 6 quilómetros, a nova senda peonil e ciclista arrinca no Milladoiro e transcorre pola contorna de Conxo, o Hospital de Conxo, parques urbanos, a zona do Restollal e A Pontepedriña, para finalizar na estación intermodal
O eixe de mobilidade sostible suma en total 10,3 quilómetros e supón un investimento de 11,2 millóns de euros
O núcleo do Milladoiro, no municipio de Ames pero situado a escasos minutos de Santiago de Compostela, quedou unido por unha senda peonil e ciclista coa estación intermodal da capital galega.
A inauguración oficial deste novo tramo, cun investimento de 7,5 millóns de euros, é un dos incluídos no denominado eixe de mobilidade sostible de Santiago, no que xa están en servizo o tramo entre a intermodal e San Caetano e o de acceso ao Hospital Clínico.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participaron esta mañá no acto de apertura do novo tramo de senda peonil e ciclista.
En concreto, con preto de 6 quilómetros, a nova senda peonil e ciclista arrinca no Milladoiro e transcorre pola contorna de Conxo, o Hospital de Conxo, parques urbanos, a zona do Restollal e A Pontepedriña, para finalizar na estación intermodal.
A senda ten tres pasarelas incluídas ao longo do percorrido e conforman algunhas das infraestruturas máis singulares que implica a obra.
Dúas destas pasarelas están executadas en madeira de piñeiro e teñen unha anchura de paso de 4 metros, 32 metros de lonxitude e 11 toneladas de peso, e sitúanse no ámbito do ramal de ligazón entre a AG/AG-56 e a SC-20.
A terceira pasarela sitúase na contorna do antigo túnel ferroviario e executouse en aceiro, mide 21 metros e pesa 9 toneladas. Os pasos chegaron montados e izáronse con dous guindastres para deixalos colocados nun día.
A actuación inclúe tamén melloras ao longo do percorrido, entre elas a reordenación de rúas, adaptación de zonas de paso, a integración con espazos verdes, alén de iluminación pública e a instalación de mobiliario urbano.
O eixe de mobilidade sostible de Santiago suma en total 10,3 quilómetros e supón un investimento de 11,2 millóns de euros.