O Lugo reacciona tarde na Rosaleda e queda ao bordo do empate
Cristian, Rubén Castro e Dani Lorenzo parecían sentenciar o encontro
Os goles de Sebas Moyano e Manu Barreiro no engadido deixaron os lugueses na beira
O Málaga rehabilítase á costa dun Lugo que lle regalou o primeiro gol nada máis saír da caseta.
Levábanse catro minutos de xogo e os de Hernán Perez foron atrasando o balón ata chegar a Whalley, que llo entregou a Cristian Gutiérrez. Con este gol, os de Mel rachaban cunha xeira de 348 minutos sen marcar. O pase do meta aproveitouno o xogador marbellí para marcar o un a cero na súa estrea coma titular.
Antes de chegarse ao cuarto de hora, os andaluces estiveron a piques de facer o segundo nun lanzamento de falta de Pablo Hervías que se estrelou no traveseiro. Segundo pasaban os minutos, o Lugo medraba no seu xogo. As aparicións en ataque fixéronse mais frecuentes e tanto Manu Barreiro coma Chris Ramos dispuxeron de boas ocasións para empatar. Incluso o VAR non apreciou unha agresión de Reina ao dianteiro lucense que suporía penalti e expulsión do porteiro por atoparse o balón en xogo.
Tras o descanso, o Lugo seguiu buscando o empate, pero unha acción de Rubén Castro dentro da área decantou con claridade o partido do lado malacitano. O canario recibe dentro da área e resolve como el sabe facelo. Era o seu terceiro gol na Liga. Co Lugo tocado, Pablo Hervías marcou, pero Rubén Castro atopábase en posición antirregulamentaria antes de centrar. Sen embargo, o terceiro tanto non tardaría en chegar. Unha contra levada polo ex lucense Luis Muñoz acaba en gol de Dani Lorenzo tras un pase de Rubén Castro.
O encontro semellaba sentenciado. Pero nunha reacción espectacular, o Lugo meteulles o medo no corpo aos andaluces. Primeiro cun gol de Sebas Moyano logo dun taconazo de El Hacen. Juanpe puido facer o segundo un minuto despois. E no segundo minuto do engadido, Manu Barreiro poñía o tres a dous dunha magnífica cabezada. Once meses e dezaseis partidos despois, o Málaga volvía gañar na Rosaleda.
Tras o partido, Hernán Pérez amosouse autocrítico coa primeira parte do seu equipo, cando cre que fuxiu o partido. E tamén amosou a súa confianza en seguir traballando para que os resultados comecen a chegar.