O Leyma Coruña acariña o ascenso á Liga ACB
Subirá cun triunfo en Melilla na última xornada ou coa vitoria do Lleida diante do Menorca
Impúxose ao Amics Castelló nun ateigado Riazor (95-82)
O Leyma Coruña está a unha xornada do meirande fito na súa historia, o ascenso á Liga ACB. Chega á última xornada cunha vitoria sobre San Pablo Burgos e Lleida. A única opción que o prexudica para esa derradeira xornada é que perda en Melilla e que o Lleida tamén perda contra Menorca. Só o empate directo contra San Pablo é negativo para os de Coruña que no triplo empate ou no directo con Lleida levan as de gañar.
O partido contra Castelló estivo igualado o primeiro cuarto (21-23). No segundo comezaron a aparecer os tiradores do Leyma que conseguiron marchar de doce puntos (47-35). Ao descanso o resultado era de 52-43.
A vitoria non pasou por perigo en ningún intre. Diante dun público entregado que ateigou o Pazo dos Deportes de Riazor os de Epifanio manexáronse por riba dos dez puntos ata o treito final do partido cando o Castelló se achegou a sete (89-82) pero xa era demasiado tarde.
O traballo coral do equipo volveu a estar por riba das individualidades. Cunha rotación ampla e cinco xogadores que estiveron por riba dos dez puntos: Burjanadze, Aris, Diagne, Font e Barrueta.