O Laboratorio de Consumo de Galicia fai 30 anos revisando a seguridade dos produtos no mercado
Conta con varias seccións para estudar diferentes aspectos da normativa
No Laboratorio Galego de consumo reciben mostras e encargos de todas as comunidades porque son o único laboratorio público de titularidade autonómica que está certificado para revisar que os produtos á venda cumpren as normas.
É un laboratorio de laboratorios, porque son cinco en total: o de probas mecánicas -de tracción, de resistencia, de inflamabilidade-, o químico, o téxtil, o eléctrico e o electrónico.
"Temos todos os anos varias campañas de control de mercado. E somos a única que estamos a facer control de produtos á venda en Internet. E vemos que agora que o comercio está globalizado estamos atopando máis problemas en Internet que en comercio físico", explica Natalia Crespo, directora coordinadora do Laboratorio de Consumo de Galicia.
Na partida de flotadores adquiridos en Internet que acaban de analizar, o 75 por cento non pasou a proba mecánica.
Tamén desde o punto de vista da composición química, miran se os produtos son seguros, especialmente celosos daquelas que van dirixidos ao público infantil. Os resultados negativos son comunicados á rede de alertas, a nivel estatal e europeo para que o produto nocivo se retire do mercado.
"Este laboratorio ten un papel protagonista porque aquí faise a análise de todos os produtos non alimentarios que hai no mercado", di Gabriel Alén, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.
Hoxe, representantes de todas as comunidades e do ministerio visitaron as instalacións, que fan agora 30 anos.