O IPC sobe en xaneiro o 5,8% e o subxacente aumenta ata o 7,5%
O IPC sobe en xaneiro o 5,8% e o subxacente aumenta ata o 7,5%
Coa subida rexistrada no primeiro mes de 2023, a inflación rompe con cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual e retoma os ascensos
A inflación subxacente achégase ata o 7,5%
O Índice de Prezos de Consumo baixou tres décimas en xaneiro en relación ao mes anterior, pero elevou unha décima a súa taxa interanual, ata o 5,8 %, polo maior prezo dos carburantes, segundo os datos avanzados publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística, nos que se inclúen, por primeira vez, ponderacións procedentes da Contabilidade Nacional e mais os mercados libres do gas e a electricidade.
Coa subida rexistrada no primeiro mes de 2023, a inflación rompe con cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual e retoma os ascensos. Con todo, o dato de xaneiro, que deberá ser confirmado por Estatística a mediados do mes que vén, é cinco puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación escalou ata o 10,8 %, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984.
Segundo o INE, a subida do IPC interanual ata o 5,8 % en xaneiro débese, principalmente, ao encarecemento dos carburantes e a que os prezos de vestido e calzado baixaron menos no arranque deste ano do que o fixeron en xaneiro de 2022. Por contra, Estatística destaca que os prezos da electricidade baixaron máis en xaneiro de 2023 que o ano pasado. O Ministerio de Asuntos Económicos destacou nun comunicado que a inflación se estabilizou en xaneiro no seu nivel máis baixo desde novembro de 2021 e que só subiu unha décima a pesar da retirada da bonificación xeneralizada ao combustible.
A inflación subxacente achégase ata o 7,5 %
O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en xaneiro subiu cinco décimas, ata o 7,5%, situándose 1,7 puntos por encima do IPC xeral. O Departamento que dirixe Nadia Calviño espera que o subxacente alcance o seu máximo no primeiro trimestre deste ano e siga a senda descendente da inflación xeral.
En termos mensuais (xaneiro do 2023 sobre decembro de 2022), o IPC rexistrou un descenso de tres décimas, fronte ao incremento do 0,2 % do mes anterior e a baixada do 0,4 % experimentada un ano antes. No primeiro mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado situou a súa taxa interanual no 5,8 %, tres décimas por encima da rexistrada no mes anterior.
Pola súa banda, a variación mensual estimada do IPCH foi do -0,5 %. O INE publicará os datos definitivos do IPC de xaneiro o próximo 15 de febreiro.