Publicador de contidos

Publicador de contidos

O IPC sobe ata o 2,6 % e o prezo dos alimentos modera o seu crecemento ao 10,5 %

O IPC sobe ata o 2,6 % e o prezo dos alimentos modera o seu crecemento ao 10,5 %

Nun ano os alimentos que máis subiron son o aceite de oliva (52,5 %), o azucre (42,5 %), o arroz (21,6 %), os produtos de confeitería (18,2 %) e as patacas (18 %)

O INE confirma que a inflación subxacente baixou unha décima, ata o 6,1 %

G24.gal 12/09/2023 08:41

O índice de prezos de consumo (IPC) aumentou un 0,5 % en agosto en relación ao mes anterior e elevou tres décimas a súa taxa interanual, ata o 2,6 %, debido, principalmente, á subida dos prezos dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais e dos combustibles líquidos. O prezo dos alimentos, pola súa banda, moderou tres décimas o seu crecemento, ata o 10,5 %.

Co avance de agosto, a inflación encadea dous meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo subise catro décimas, ata o 2,3 %, segundo os datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que confirman os avanzados a finais do mes pasado.

Fronte ao encarecemento dos carburantes, Estatística destaca que os prezos da electricidade e dos servizos de aloxamento subiron en agosto deste ano menos do que o fixeron no mesmo mes de 2022.

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou unha décima en agosto, ata o 6,1 %, situándose 3,5 puntos por encima do IPC xeral.

No caso dos prezos dos alimentos e as bebidas non alcohólicas, a súa taxa interanual moderouse tres décimas en agosto, ata o 10,5 %.

Este comportamento, explica o INE, débese á estabilidade nos prezos do leite, queixo e ovos fronte á subida que experimentaron o ano anterior, e tamén ao abaratamento das froitas e ao feito de que a carne, o pan e os cereais se encareceron menos en agosto deste ano que no mesmo mes de 2022.

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos en funcións Nadia Calviño destacou que os datos definitivos do IPC de agosto constatan que a inflación se mantivo por baixo do 3 % e  se moderou a dos alimentos.

"España consolídase como a economía europea con maior crecemento e menor inflación, o cal beneficia a competitividade das nosas empresas e tamén o poder adquisitivo dos salarios", subliñou Calviño nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación.

A vicepresidenta primeira en funcións resaltou ademais que as medidas de política económica aplicadas en España permitiron recortar a inflación oito puntos no último ano "nun contexto inflacionario en toda Europa".

O prezo dos alimentos sobre un 0,2 % con respecto a xullo

En termos mensuais (agosto sobre xullo), o IPC rexistrou un aumento do 0,5 %, tres décimas máis do que subiu o mes anterior. Con esta repunta, a inflación encadea tres meses consecutivos de alzas mensuais.

O incremento mensual do IPC en agosto foi consecuencia do encarecemento dos carburantes, dos paquetes turísticos e da restauración, todo iso á calor da tempada turística. Tamén aumentaron no mes os prezos dos alimentos, un 0,2 %, polo encarecemento dos aceites e graxas, dos legumes e hortalizas e, en menor medida, do peixe e o marisco e a carne.

O prezo do aceite de oliva subiu un 52 % no último ano

En taxa interanual (agosto de 2023 sobre o mesmo mes de 2022), os alimentos que máis subiron de prezo son o aceite de oliva (52,5 %), o azucre (42,5 %), o arroz (21,6 %), os produtos de confeitería (18,2 %) e as patacas (18 %). O aceite de oliva subiu o dobre do seu prezo desde marzo de 2021 (114,8 %) e encareceuse un 8,7 % en agosto deste ano respecto ao mes de xullo.

Xunto aos anteriores, outros moitos alimentos rexistran subidas interanuais de dous díxitos nos seus prezos, como a carne de porco (15,6 %), o leite (14,1 %), outros preparados alimentarios (13,1 %), auga mineral, refrescos e zumes (13,1 %), preparados de legumes e hortalizas (12,3%), produtos lácteos (10,3 %) e cereais e legumes e hortalizas frescas (10 % en ambos os casos).

Fronte aos alimentos, que lideraron as subidas interanuais de prezos, o que máis se abaratou no oitavo mes do ano en relación a agosto de 2022 foi a electricidade (-49,6 %), o transporte combinado de pasaxeiros (-47,7 %), outros aceites (33,9 %), o transporte de pasaxeiros en metro (-27 %) e o transporte de pasaxeiros en autobús (-25,7 %).

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en agosto o 3 %, catro décimas por encima da taxa xeral do 3,2 %. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

No oitavo mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual no 2,4 %, tres décimas por encima da taxa rexistrada o mes anterior. Pola súa banda, a variación mensual do IPCH foi do 0,5 %.

Galicia, entre as catro comunidades onde máis subiron os prezos 2,7%

Os prezos subiron o pasado mes de agosto en todas as comunidades, máis nas Baleares (0,9%) e en Asturias, Cantabria e Galicia (0,8 % nos tres casos) e menos en Navarra (0,3%), Madrid e Estremadura (ambas un 0,4 %), que foron as únicas autonomías por baixo da media nacional (0,5%).

O IPC anual subiu en agosto seis décimas de punto respecto a xullo en Cantabria, Galicia e Castela-A Mancha.

En concreto, o prezo dos alimentos e das bebidas non alcohólicas subiu un 10,7% en agosto en Galicia, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco encarecéronse un 6,7%.

O vestido e o enxoval tamén subiron un 0,8% e un 4,7%, respectivamente, do mesmo xeito que a medicina (+1,8%), o transporte (+2,3%), as comunicacións (+4,3%), o lecer e a cultura (+5,9%) e os hoteis, cafés e restaurantes (+6,5%).

Pola súa banda, os únicos produtos que baixaron de prezo o mes pasado foron a vivenda, cunha caída do 19,7%, e o ensino, que caeu un 0,9% respecto de agosto de 2022.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade