O invicto Burgos visita o Anxo Carro nun duelo fratricida
Hernán Pérez, adestrador do Lugo, mídese co seu irmán Michu, director deportivo do cadro burgalés
O Lugo recibe o domingo no Anxo Carro o Burgos. Rival de entidade e que é xunto ao líder, As Palmas, os únicos invictos da categoría.
Esta semana Hernán Pérez non falou co seu irmán Michu. Unha das dúas semanas da temporada na que non falan. Porque o irmán de Hernán Pérez é o director deportivo do Burgos. Michu, o antigo xogador do Celta, fai a segunda temporada no Plantío. Vanlle mellor as cousas que a Hernán Pérez, que vai recibir o equipo burgalés en zona de descenso.
Os lucenses non contarán con Álex Pérez e Bruno Pirri, ambos na recta final das súas recuperacións. Hernán Pérez podería convocar algún xogador do filial.
O técnico lucense insiste en que a receita para gañarlle ao Burgos é manter a portería a cero. Marcarlles un gol aos burgaleses tampouco será cousa doada, só recibiron un gol. O adestrador confía en que aos de Julián Calero tamén lles tocará perder algún día, e que ese día podería ser o domingo.