Publicador de contidos

Publicador de contidos

O incómodo tamén importa, por María Bastida

OPINIÓN

O incómodo tamén importa, por María Bastida

María Bastida 09/04/2026 07:56

Hai debates que ninguén quere abordar porque incomodan e xeran ruído. O das baixas laborais é un deles. Pero que sexa incómodo non significa que sexa falso. Galicia non pode falar seriamente de produtividade, de competitividade, de custos empresariais ou mesmo de mellora salarial sen afrontar o que está a ocorrer coas incapacidades temporais. Non porque toda baixa sexa sospeitosa nin porque haxa que converter o traballador en culpable por defecto, senón porque, cando unha cuestión alcanza determinadas dimensións, deixa de ser exclusivamente clínica ou administrativa para converterse tamén nun asunto económico e organizativo.

E iso é o que fixo Alfonso Rueda: sacar este asunto do recuncho técnico e situalo no debate público. Un movemento valente, porque o doado era non meterse en terreo minado e seguir deixando que crecese entre cifras preocupantes, custos crecentes e un cómodo silencio. O difícil era dicir que aquí hai algo que non está a funcionar ben e que debe revisarse.

No fondo, convertemos o absentismo nun tabú. Como hai persoas enfermas e situacións médicas indiscutibles e como existe o risco de estigmatizar, parece que xa non se pode analizar, revisar nin corrixir nada. E iso é un erro. Defender o dereito á baixa cando corresponde é perfectamente compatible con esixir que o sistema funcione con rigor, axilidade e proporcionalidade. Porque a cuestión non son as baixas xustificadas, que ninguén cun mínimo de seriedade discute. A cuestión é asumir como normal que un volume crecente de incapacidade temporal acabe lastrando a organización do traballo, elevando custos, tensionando persoais, prexudicando ás empresas e, en último termo, debilitando a capacidade da economía para gañar produtividade e soster mellores salarios.

Abrir este debate non obriga a comprar unha visión simplista nin a aceptar unha versión terxiversada do que está en xogo. Isto non vai de perseguir traballadores, de dificultar baixas necesarias nin de privatizar nada. Vai de analizar e xestionar mellor un sistema que hoxe xera custos, ineficiencias e tensións evidentes. Iso esixe revisar procesos, reducir demoras, mellorar a coordinación, evitar abusos cando existan e, ao mesmo tempo, preguntarse polas causas de fondo: envellecemento de persoais, peor saúde laboral, saturación asistencial, problemas de saúde mental ou malas condicións de traballo. Todo iso forma parte do diagnóstico. Pero para chegar aí, primeiro hai que atreverse a dicir que o problema existe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade