O incendio da nave do porto de Sada segue activo, pero controlado
O lume orixinábase este martes contra as seis da tarde nunha nave da empresa Profand que contiña caixas de peixe de material altamente inflamable
O Servizo de Emerxencias de Sada e Bombeiros de Betanzos traballan nos labores de arrefriado e extinción
O incendio que arrasou unha nave no porto de Sada, A Coruña, xa está controlado, pero aínda seguía activo nun lateral a primeira hora da terde deste mércores.
Tras pasar toda a noite un retén do Servizo Municipal de Emerxencias de Sada vixiando esta nave, da empresa Profand, á primeira hora da mañá achegáronse os bombeiros do parque de Betanzos para traballar conxuntamente.
"Recibimos unha chamada da Policía Local requirindo medios, porque saen focos. Estamos facendo fundamentalmente tarefas de arrefiamento, porque o material ten moita temperatura. E os muros están caendo", explica Alfonso Nieto, cabo do parque de bombeiros de Betanzos.
Segundo o 112 Galicia, o incendio orixinouse sobre as seis da tarde do martes nunha nave que pertence á empresa Profand, unha multinacional do sector pesqueiro, pero no seu interior só tiña caixas de peixe, xa que non albergaba mercadoría nin actividade produtiva.
Parte da estrutura da nave derrubouse durante o incendio, aínda que non hai que lamentar danos persoais.
Fontes municipais informaron este mércores de que o lume está controlado, pero aínda hai lapas nun lateral da nave.
O Servizo de Emerxencias de Sada e Bombeiros de Betanzos traballan agora en labores de arrefriado e extinción.
Os equipos de emerxencia puideron entrar á nave sobre as 00:30 horas para traballar nunha zona onde había material altamente inflamable.
Voluntarios de Cruz Vermella acudiron ata o lugar para fornecer víveres e apoio loxístico aos traballadores de emerxencias.
A fumareda que provocou o incendio no porto de Sada foi visible desde varios quilómetros á redonda.
"Foi espectacular. Moito fume, moitos bombeiros... ambulancias, policía, Garca Civil...". "E escoitábase cada estoupido... que metía medo", di o cabo Alfonso Nieto. "E o teito está totalmente colapsado", engade.
"Víase desde bastante lonxe". "Chamaba a atención", comentan dúas veciñas.
Pero, afortunadamente, non hai que lamentar danos persoais.
"Non, porque aí só están ata as once da mañá. Aí dedícanse á limpeza de caixas".
Desde a compañía informan de que o lume está baixo control e que abriron unha investigación interna para esclarecer o acontecido.