O incendio da nave de Vilalba dáse por extinguido, pero seguirase vixiando
Continúa a investigación das causas do lume que comezou o xoves e arrasou dous almacéns
O incendio que comezou o xoves e arrasou unha nave de reciclaxe no parque empresarial de Vilalba, e levou a activar o Plan Territorial de Emerxencias (Platerga), quedou extinguido pasadas as 23:30 horas da noite do venres.
"Os rapaces estaban traballando na nave do lado e foron quen de sacar tres camións que tiñamos e tres carretillas que utilizamos para traballar. E foi o único que se puido salvar", explica Nemesio, o encargado da empresa.
O servizo de Emerxencias 112-Galicia e os Bombeiros de Vilalba indicaron sobre esa hora que aínda que quedaba extinguido volverían á zona de maneira preventiva para tarefas de control no caso de que se reavivase o lume.
De feito, ao longo da noite desprazáronse de novo para refrixerar os puntos quentes e os pequenos focos que reapareceron.
Este incendio, que queimou por completo a nave de reciclaxe e a empresa de reciclaxe Ambigal 360 e que ameazou as instalacións próximas, levou o xoves pasado á activación por parte da Xunta do Platerga e quedou controlado na madrugada do venres.
Tras quedar controlado, non foi ata despois do mediodía cando se desactivou o plan de emerxencias cando o lume xa non supoñía "un perigo nin para as persoas, nin para as vivendas nin para as outras naves do polígono”.
O lume comezou a media tarde do xoves e foi sobre as seis, cando un particular alertou o 112. A virulencia das lapas obrigou a Xunta a activar o Platerga, tanto para sufocar o incendio coma para evitar que chegase a afectar a outras instalacións do polígono de Vilalba.
Cuantiosos danos
O lume saldouse sen danos persoais, pero deixou "cuantiosos" danos materiais, á espera de determinar as causas que o provocaron.
As dúas naves adxacentes que conformaban as instalacións da empresa de reciclaxe na localidade vilalbesa han quedado completamente calcinadas.
O tipo de residuos que almacenaban as instalacións onde se rexistrou o incendio, papel, plásticos, cartón e outro material de reciclaxe, favoreceron a expansión do incendio.