O impacto das municipais no Parlamento: un 20 % dos deputados optan a unha alcaldía
Hai quince parlamentarios que serán cabeza de cartel nas eleccións do 28-M, once do PPdeG e catro do BNG

Un posible éxito nas eleccións municipais do 28 de maio dos deputados candidatos nas municipais de maio provocaría unha renovación do 20 % dos parlamentarios que conforman o arco parlamentario autonómico no Pazo do Hórreo.
Son 15 de 75, once do PPdeG e catro do BNG, os que se baterán na area local para tratar de facerse co bastón de mando dos seus respectivos concellos.
De acordo coa normativa autonómica, e conforme reflicte o regulamento da cámara, os alcaldes están nun suposto de inelixibilidade, e polo tanto, chegado o caso, de incompatibilidade.
Así, aqueles parlamentarios que, chegado o caso, logren a alcaldía o 28-M, deberán deixar a súa acta.
Ata que isto suceda, iso si, poderán compatibilizar o seu escano cos seus traballos no ámbito local, onde serán protagonistas da campaña.
O PPdeG conta con once candidatos
No PPdeG non é novo tirar da canteira do Pazo do Hórreo para outros cargos. Así o constatou cada formación de cada goberno despois dunhas eleccións en clave autonómica.
E varios son os casos de quen compaxina a vida política na cámara cunha concellería ou mesmo coa portavocía local, como é o caso de José Manuel Rey Varela en Ferrol.
Rey Varela é un dos once deputados do Grupo Parlamentario Popular, que ten 42 dos 75 que conforman o hemiciclo, que tratará de facerse co bastón de mando da súa localidade, na que xa foi alcalde no seu día. Pero no Pazo do Hórreo están outros dous candidatos do PP nas cidades: Elena Candia, en Lugo, e Borja Verea, en Santiago.
O PPdeG é o grupo con maior porcentaxe de deputados que concorren ás locais deste 2023, un 25 %. E é que, ademais dos tres das cidades de Ferrol, Lugo e Santiago, tamén se presentan como cabezas de cartel para o 28-M Ovidio Rodeiro, en Boqueixón, Dani Vega, en Ribadeo, e Marta Nóvoa en San Cibrao das Viñas.
Intentará recuperar unha praza histórica do PP, Vilalba, agora en mans do PSOE, a deputada Sandra Vázquez; mentres que Rubén Lorenzo pelexará pola alcaldía nun bastión nacionalista como Carballo. Á súa vez, Belén Cachafeiro presentarase en Forcarei, onde xa foi rexedora; igual que Belén Saído será cabeza de cartel en Monfero; e Fernándo Pérez, en Caldas de Reis.
O BNG, catro aspirantes á alcaldía
O BNG tamén tirará de canteira parlamentaria para a cita coas urnas do 28 de maio. Unha das elixidas é María Albert, que xa ten experiencia en xestión municipal tras pasar dous anos pola alcaldía da Rúa, entre 2015 e 2017. Ela deixou o cargo en mans do PSOE, de acordo co pacto que selaran ambas as formacións, e agora volverá tentar conseguir o bastón de mando.
Tamén o parlamentario Manuel Lourenzo conseguiu un bo resultado en Soutomaior en 2019, aínda que non suficiente para gobernar, e volverá tentalo o próximo mes de maio; mentres que Carme Aira e Xosé Luís Rivas "Mini", serán cabezas de cartel no Incio e Boimorto, respectivamente.
O Bloque, ademais, tamén reforzará as súas candidaturas municipais con outras deputadas e deputados do seu grupo no Hórreo. Así, prevese que Rosana Pérez e Mercedes Queixas estean nos primeiros postos das listas da Pobra e A Coruña, mentres que Dani Pérez, Carmela González e Paulo Ríos irán nas de Carballo, Vigo e Moaña.
Na bancada socialista non hai ningún cabeza de cartel
Entre os socialistas, ningún dos actuais parlamentarios competirá como candidato á alcaldía. É máis, só un dos 14 deputados cos que conta o PSdeG concorrerá en listas ás locais.
É o caso de Paloma Castro, que ocupará o número catro da lista que lidera Iván Pontes á alcaldía de Pontevedra. De cumprirse a máxima interna que promoven, unha persoa, un cargo, o regreso á política local da pontevedresa motivaría a chegada ao Parlamento de Galicia de Daniel Chenlo, que concorreu de número 7 na candidatura pola provincia.