Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alberto Pazos: "Feijóo é a persoa máis axeitada para o cambio"

Alberto Pazos: "Feijóo é a persoa máis axeitada para o cambio"

O portavoz parlamentario do PPdeG confía en que no congreso de xullo se visibilice a alternativa que ofrecen

Considera "intolerable" que o Goberno adíe o debate para o traspaso da AP-9 a Galicia 

O voceiro popular cuestiona a capacidade do Executivo para xestionar a rede ferroviaria

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento. EFE/Xurxo Martínez
G24.gal 25/05/2025 09:20 Última actualización 25/05/2025 09:44

O portavoz do PPdG no Parlamento de Galicia confía en que o Congreso nacional extraordinario que o Partido Popular celebrará en xullo servirá para visibilizar "a alternativa que demanda a inmensa maioría dos españois".

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Alberto Pazos afirma ter unha "confianza enorme" en Alberto Núñez Feijóo.

"Creo que é a persoa máis axeitada para dar o cambio que está demandando o conxunto da sociedade española".

Segundo Pazos, neste momento non só é necesaria unha mudanza nas políticas senón tamén no clima político que define como "irrespirable".

"Hai que acabar coa colonización das institucións, con este clima de crispación permanente,  con  ese ataque  a todas e cada unha das institucións que non  lle  dan a razón ós postulados do señor Sánchez. Hai que recuperar unha España  de todos e para todos".

O portavoz dos populares na cámara galega confía en que Alberto Núñez Feijóo saia reforzado do conclave extraordinario de xullo.

Trens

Alberto Pazos asegurou, na Radio Galega, que hai un problema de mantemento, de investimento e de planificación na rede ferroviaria que provoca "incidentes continuos".

"O señor ministro afirma que o tren está vivindo o mellor momento da súa historia. É evidente que non. Os incidentes continuos e reiterados en  todas e cada unha das redes de comunicación ferroviaria deste país manifestan a falta de capacidade de xestión do Goberno"

O portavoz popular tamén denunciou un "tratamento discriminatorio con Galicia".

"Os galegos non poden planificar as súas compras de billetes ferroviarios a medio e longo prazo. Noutras partes de España non é así. O Goberno de España prefire adiar  as necesidades dos galegos e atender prioritamente outras que considera máis interesantes para  prolongar a estancia de Pedro Sánchez na Moncloa".

Con respecto á conexión por alta velocidade con Portugal, Alberto Pazos cre que o proxecto "seguirá sufrindo atrasos ata que a Moncloa teña outro inquilino".

AP-9

O portavoz dos populares galegos no Pazo do Hórreo considera unha "falta de respecto ós galegos e unha covardía política" o adiamento  do debate para a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia.

"Agochar unha proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, metela nun caixón e sometela  a un  aprazamento sine die  é intolerable. Non  imos  deixar de insistir ata que alguén nos dea unha resposta coherente   e ata que Galicia reciba o que merece".

Engadiu que coa transferencia, Galicia gañaría en xestión e en coherencia. Segundo explicou, as taxas por circular por esta vía homexeinizaríanse co resto de peaxes galegas que "teñen un custo máis baixo".

Outras competencias 

Tras o traspaso das competencias en materia de litoral, Galicia tamén aspira a asumir as competencias plenas en meteoroloxía e en homologación de titulacións académicas.

Segundo Alberto Pazos, isto permitiría afinar os prognósticos  do tempo e ofrecer unha información máis precisa.

"Todos os galegos nos sorprendemos cando vemos nos mapas do tempo  a nivel nacional    que se anuncian chuvias que non chegan  en tempadas que non  conveñen. Ter a competencia aquí  permitiría dar unha información máis precisa. Non pedimos competencias polo mero feito de ampliar o teito competencial senón porque entendemos que van ser útiles para o conxunto da sociedade galega".

Con respecto ás titulacións, Pazos entende que permitiría cubrir con maior facilidade postos vacantes con traballadores procedentes doutros países.

Dependencia 

Alberto Pazos cualifica de  "burla e insulto ós galegos" o acordo do Goberno co País Vasco en materia de dependencia polo que a vicepresidenta Montero se tería comprometido a financiar o 50 % do custo do servizo. A Xunta denuncia que as achegas a Galicia non acadan o 35 %.

O portavoz parlamentario do PPdG considera moi grave que haxa "dependentes de primeira e de segunda".

"O Goberno adebédalle a Galicia 2.500 millóns de euros en dependencia. Tamén tería que achegar de inmediato o 50 % establecido legalmente.  É vergoñento que se priorice a atención por cuestións políticas partidistas e non polas necesidades reais".

Vivenda 

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Alberto Pazos  suliñou que  non hai "solucións máxicas" para o problema da vivenda. Ó seu entender, a falta de oferta obedece á inseguridade xurídica, un asunto "que non se quere abordar por unha cuestión ideolóxica".

O portavoz do PPdG no Parlamento de Galicia sinalou que a experiencia demostra que a declaración de zonas tensionadas "non é unha boa solución" porque encarece os prezos dos alugueiros.

Pazos si defendeu o programa "Fogar Vivo" que vén de aprobar a Xunta para  incentivar a rehabilitación de vivendas destinadas ao alugueiro e para a contratación de seguros de impagamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade