Publicador de contidos

Publicador de contidos

O home que matou a súa parella no Birloque alega que tiña "afectadas" as súas facultades

O home que matou a súa parella no Birloque alega que tiña "afectadas" as súas facultades

A defensa solicita a súa libre absolución ou que se rebaixe a pena ata os 15 anos de cadea

O fiscal reclama que se ratifique a sentenza de 23 anos de prisión e a acusación particular eleva a petición de pena ata os 25 anos 

Este luns celebrouse a vista de apelación ante o TSXG

O acusado, na Audiencia Provincial da Coruña, durante o xuízo polo asasinato dunha muller no barrio coruñes do Birloque (M. Dylan/Europa Press/Arquivo)
G24.gal 09/06/2025 12:17

A defensa do home condenado a 23 anos de cárcere por asasinar a súa parella no barrio coruñés do Birloque en setembro de 2021 solicitou a súa libre absolución na vista de apelación celebrada este luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Alega eximente completa ao considerar que "tiña afectadas as súas facultades" xa que "consumira alcol" o día dos feitos.

"El non lembra o que pasou, o único que lembra é un charco de sangue, entendemos que tiña as súas facultades totalmente minguadas", argumentou a súa letrada, en declaracións aos medios, antes da celebración da vista.

A defensa do acusado pide que, no caso de non contemplarse a absolución do seu defendido, se rebaixe a condena "ao mínimo establecido, arredor dos 15 anos".

A acusación particular pide a pena máxima para el

Pola súa parte, a acusación particular -que representa a unha filla da falecida- recalcou en Sala que "os feitos están absolutamente acreditados por unanimidade no veredicto do xurado" e reclama a condena máxima, 25 anos, ao considerar que "non hai circunstancia atenuante nin eximente que xustifique poñer unha pena máis baixa". Segundo sinala, "a proba pericial é contundente".

"Correspóndenos impugnar nesta vista os feitos nos que a defensa baseou a súa apelación. Nós solicitamos a pena máxima que xa pedimos no seu día", di Miguel Ángel Jopia, avogado da acusación particular.

O representante do Ministerio Fiscal pediu que se ratifique a sentenza de 23 anos de prisión ao sinalar que a mesma presenta "razoamento suficiente para manter a condena".

Os argumentos do Tribunal do Xurado para condenalo 

O maxistrado presidente do Tribunal do Xurado, de acordo con o veredicto, declarou probado que o acusado, que mantiña desde aproximadamente o mes de xullo de 2021 unha relación sentimental de parella coa vítima, mantivo unha discusión con ela durante a noite do 14 ao 15 de setembro dese ano.

"Motivada pola decisión da muller de poñer fin á relación sentimental, pedíndolle que marchara da casa, non aceptando este último a decisión de poñer fin á relación, dicíndolle que se ía arrepentir", recolle o ditame.

Na tarde do día 15 de setembro de 2021, segundo consta na sentenza, o condenado accedeu á vivenda en cuxo interior se atopaba a vítima e, "co propósito de acabar coa súa vida, utilizando un coitelo, asestoulle varias puñaladas, sen que a vítima tivese posibilidade algunha de reaccionar nin de defenderse ante o ataque, que tivo lugar de forma sorpresiva e repentina".

O xurado popular entendeu probado que actuou "coa intención de impoñer a súa vontade á da vítima, coa que iniciara unha relación de parella uns dous meses antes, desprezando a súa condición de muller".

Tras abandonar a vivenda, segundo a sentenza, tomou un taxi que o levou ata o aeroporto de Alvedro (A Coruña), onde comprou un billete de avión con destino a Madrid, cidade en que foi localizado e detido o día 16 de setembro.

Ademais, o Tribunal do Xurado considerou acreditado que, aínda que estaba diagnosticado de trastorno depresivo moderado e o día 15 de setembro consumiu diversas bebidas alcohólicas, "no momento de cometer os feitos non padecía ningunha alteración nas súas facultades de entendemento e vontade", polo que era "plenamente consciente dos seus actos".

Por todo isto, o acusado foi declarado culpable dun delito consumado de asasinato coa concorrencia das circunstancias agravantes de parentesco e de xénero. Ademais, impúxoselle a prohibición de aproximarse e de comunicarse por calquera medio cos fillos e co pai da vítima durante 30 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade