O Guardés perde a final da Copa da Raíña contra o Bera Bera (26-21)
As anfitrioas foron sempre por diante, peroas guardesas mantiveron as opcións ata o treito final
A porteira Prades foi decisiva, con 12 paradas
O Mecalia Guardés ten unha nova opción de erguer un título na final da European Cup, que veremos nesta casa
Non puido ser. O Mecalia Guardés non puido acadar o seu primeiro título da Copa da Raíña. Perdeu na final contra o Bera Bera, equipo anfitrión, por 26-21 en Illumbe.
As guardesas saíron ben, e tiveron as primeiras vantaxes. Pero o Bera Bera deulle a volta ao resultado, e púxose por diante con catro goles de renda no treito final da primeira metade, que rematou cun resultado de 11-7. Ás galegas custáballes marcar, especialmente a Cecilia Cacheda, que so puido sumar un tanto.
Na segunda metade a desvantaxe aumentou ata os seis goles, pero o Mecalia Guardés non se rendeu. Chego a colocarse a dous goles. Emerxeu entón a figura de Prades. A porteira do Bera Bera rematou con 12 paradas, moitas no treito decisivo, nos que a renda volveu aumentar ata o 26-21 final. Ania Ramos foi a máxima anotadora do Guardés con seis goles. A viguesa Elba Álvarez foi a máxima goleadora do equipo vasco con sete tantos.
Era a segunda final de Copa que xogaba o Guardés na súa historia e nas dúas tivo que conformarse co segundo posto. Pero aínda non rematou a temporada. A vindeira fin de semana comeza a final da European Cup, que veremos nesta casa. Outra oportunidade das guardesas para acadar un título.