Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Guardés derrota a Gran Canaria na prórroga (20-24) e xogará a final da Copa da Raíña

O Guardés derrota a Gran Canaria na prórroga (20-24) e xogará a final da Copa da Raíña

O equipo galego pode alzar mañá a Copa como preludio da final da European Cup

Foto: @RFEBalonmano Foto: @RFEBalonmano
G24.gal 09/05/2026 18:05

O Mecalia Atlético Guardés está a ir a máis xusto no momento culminante da temporada. As de Ana Seabra refixéronse despois da eliminación na Liga a mans do Porriño, e van disputar a final nas dúas Copas. Na da Raíña, eliminaron ao Rocasa Gran Canaria nunha semifinal resolta na prórroga, e disputarán o partido polo título este domingo (13:30h).

O partido foi igualado, e cos problemas para anotar nos dous equipos. O Guardés acadou a primeira boa vantaxe, de tres goles mediado o primeiro tempo, comandado por Lorena Delgado e Jazmín Mendoza. Pero atascouse no seguinte cuarto de hora, cando so acadou tres goles, e marchou ao descanso con vantaxe mínima de 8-9.

Na segunda metade o Rocasa apertou en defensa, e conseguiu colocarse con dous goles de vantaxe, 14-12. Apareceu entón Blazka Haupnam para restablecer a igualada. Quedaba un cuarto de hora e todo por decidir, e Balzinc seguía acumulando paradas para manter todas as opcións das súas. Unha parada máis apuntalaba unha vantaxe de dous goles que as guardesas acadaron malia á exclusión de Haupman, que volvía para colocar o 14-17, máxima renda antes dos minutos decisivos.

María Sancha culminaba un ataque longo, e o Guardés comezaba a contar os minutos para estar na gran final da Copa da Raíña. Pero o Rocasa non se deu por vencido, e reduciu a desvantaxe ata o 17-18. Tiña o balón o Guardés, pero acabouno perdendo e os árbitros sinalaron unha infracción de Carme Castro que lle daba a última opción ao Rocasa desde os sete metros. Non desaproveitou Eider Poles e enviou o partido á prórroga.

Parecía que o Rocasa ía a máis, pero o Guardés entrou mellor no tempo extra, cun gol de Cecilia Cacheda e unha recuperación. Outro de María Palomo ampliaba a renda, e o Guardés deu un paso adiante en defensa para forzar as perdas das canarias. Ao descanso da prórroga chegábase con 19-21. E un gol de Cecilia Cacheda e dous de María Palomo botábanlle o pano á semifinal. O Guardés pelexará este domingo polo primeiro dos dous títulos que pode erguer xunto coa European Cup.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade