O gol do Castellón que protesta o Deportivo: "Supoño que non funcionaría o VAR"
O tanto do empate a un do Castellón veu precedido dunha falta a Mella que non indicou o árbitro malia ser revisada polo VAR
Houbo moita polémica na xogada do gol do empate do Castellón. Unha falta clara sobre Mella xusto antes do centro que deu orixe ao gol de Suero. Había indignación e incredulidade no cadro de xogadores deportivista por esta decisión. O seu adestrador, Óscar Gilsanz, asegurou que "supoño que non funcionaría o VAR, non lle atopo outra explicación".
Gilsanz recoñeceu o difícil da tarefa arbitral e de que "os primeiros fastidiados por un erro teñen que ser eles" e tamén dixo que ninguén llo poñía doado dentro do campo.
No vestiario do club coruñés tamén había confusión. "Non entendo como catro árbitros con 80 cámaras na sala do VAR non chaman o árbitro" explicaba Pablo Vázquez. "A reacción inicial dos colexiados de non pitar falta foi porque Mella non se queixa", aseguraba o central asturiano do Deportivo.