O Goberno tenta recompoñer a maioría parlamentaria para aprobar uns novos presupostos
A ministra de Facenda insiste en que levará o proxecto de contas públicas ao Congreso no primeiro trimestre do ano
Junts e PP pídenlle ao Goberno que presente un decreto so coa revalorización das pensións
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, insistiu este mércores en que levará ao Congreso uns novos Presupostos Xerais "ao longo do primeiro trimestre deste ano". Pero, para aprobalos, antes debe recompoñer a maioría parlamentaria. O Goberno xa leva semanas intentando atraer os socios con cesións e tamén protagonismo.
Foi EH Bildu quen anunciou, en decembro, a prórroga do chamado escudo social. Despois, ERC explicoulles aos medios o novo de modelo de financiamento autonómico que propón Facenda.
Esta mesma semana, era Podemos o que anunciaba unha regularización extraordinaria de inmigrantes. O acordo nin sequera ten que votarse, pero logra desbloquear a demanda doutro socio, de Junts: o traspaso das competencias de inmigración a Cataluña.
A súa voceira no Congreso, Miriam Nogueras, advertiu que o seu texto "non se toca", e cumpren as súas ameazas, de feito, este martes tombaron o decreto ómnibus que inclúe a suba das pensións.
Ata o PNV, que negocia agora o traspaso da xestión dos aeroportos a Euskadi, asegura sentirse "farto do trileirismo político" do Goberno, en palabras da súa voceira no Congreso, Maribel Vaquero.
O executivo estuda agora como emendar esa derrota. A súa voceira, Elma Saiz, asegurou que están analizando "os diferentes escenarios".
Junts, e tamén o PP, sinálanlle o camiño: que presente un decreto só coas pensións. "Se o PSOE quere revalorizar as pensións, facémolo mañá", insiste o presidente popular Alberto Núñez Feijóo. Pero, polo momento, non se albisca unha solución.