O Goberno pacta con EH Bildu prorrogar o escudo social durante 2026
As medidas, que ían decaer o 31 de decembro, inclúen o bono social eléctrico ou a prohibición de desafiuzamentos a colectivos vulnerables
Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra)
O Goberno chegou a un acordo co grupo EH Bildu para manter as medidas do escudo social durante todo 2026, entre as que se inclúen o bono social eléctrico ou a prohibición de desafiuzamentos a colectivos vulnerables.
Segundo informa este luns EH Bildu, con este acordo prorrógase un ano máis a prohibición de desafiuzamentos para persoas vulnerables sen alternativa habitacional e dos cortes de subministracións básicas, así como o mantemento do bono social eléctrico.
Estas medidas, que ían decaer o próximo 31 de decembro, serán incluídas nun decreto que aprobará proximamente o Consello de Ministros.
EH Bildu puxo en valor o acordo conseguido, "tras as intensas negociacións das últimas semanas", xa que permitirá "seguir achegando unha protección aínda moi necesaria no difícil contexto económico e social polo que atravesan miles de persoas".