Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno limita ao 22 % os xuros do crédito ao consumo para protexer os clientes

O Goberno limita ao 22 % os xuros do crédito ao consumo para protexer os clientes

O anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministros sinala directamente os microcréditos, as tarxetas revolving ou os préstamos rápidos pola súa afectación entre as persoas máis vulnerables

Arquivo (Europa Press)
G24.gal 07/01/2026 13:56 Última actualización 07/01/2026 14:54

O Consello de Ministros aprobou este mércores un anteproxecto de lei que regula os créditos ao consumo, entre os que se atopan os microcréditos, as tarxetas revolving ou os préstamos rápidos en plataformas dixitais, e limita temporalmente ao 22 % o tipo de xuro que se pode cobrar de forma xeral.

Segundo explicou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros o titular de Economía, Carlos Cuerpo, o mercado dos créditos ao consumo cambiou profundamente nos últimos anos coa dixitalización, que favorece a aparición de novos actores e modelos de negocio, que na súa opinión fan necesario actuar.

O Executivo busca reforzar a protección dos consumidores, sobre todo dos máis vulnerables, e tamén dar seguridade xurídica aos operadores para garantir unhas regras "homoxéneas e predicibles".

Límites aos tipos de xuro

Entre as novidades destaca a introdución de medidas de limitación de custos. Os xuros en termos TAE (a taxa anual equivalente) fixaranse a partir do interese medio do crédito ao consumo ao que se lle engade unha marxe que se establece por tramos de importe do crédito no desenvolvemento regulamentario.

Para créditos de ata 1.500 euros, 15 puntos porcentuais; para importes superiores pero que non cheguen a 6.000 euros, 10 puntos porcentuais, e para cantidades maiores a pagar en menos de 8 anos, 8 puntos porcentuais.

Ata a entrada en vigor do real decreto, establécese un límite máximo transitorio do 22 % aplicable ás novas operacións tras a súa entrada en vigor.

Este límite será aplicable tamén á liquidación das operacións de tarxetas revolving, que permiten aprazar pagos mensuais mediante unha cota fixa ou unha porcentaxe da débeda.

En calquera caso, os límites actualizaranse e publicaranse polo Banco de España trimestralmente por adiantado.

Mercados de alto custo

Ademais, establécese un segundo réxime de limitación de tipos como parte dunha regulación integral dos créditos de alto custo, ao establecer un período mínimo de reembolso de polo menos 3 cotas mensuais e reduce o custo, que se limita a un tipo de interese mensual do 4 % e unha comisión máxima do 5 % suxeita a un máximo de 30 euros.

A modo de exemplo, Cuerpo dixo que un microcrédito de 300 euros e un prazo de 30 días custa de media 103 euros e coa entrada en vigor da normativa, o crédito deberá ser reembolsado nun mínimo de tres meses cun custo máximo de 40 euros. Se o consumidor decide reembolsar aos 30 días, o custo será de 20 euros.

Doutra banda, haberá maiores obrigacións de conduta aos prestamistas de alto custo. Na publicidade establécese a prohibición de destacar a facilidade ou rapidez coa que se pode obter un crédito de alto custo sobre o resto das súas características esenciais, tales como tipoloxía e custo total do crédito.

Supervisión do Banco de España

Outra novidade é que só poderán conceder préstamos ao consumo as entidades rexistradas e supervisadas polo Banco de España.

Para aumentar a concorrencia e dar entrada a operadores non regulados créanse dúas novas figuras: os Establecementos Financeiros de Crédito de Ámbito Limitado e os prestamistas de alto custo autorizados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade