Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno español di que informou a Alxeria da súa posición sobre o Sáhara

O Goberno español di que informou a Alxeria da súa posición sobre o Sáhara

O país magrebí chama o seu embaixador en Madrid para "consultas con efecto inmediato"

A voceira do Goberno resalta nunha entrevista a relación "sólida" entre España e Alxeria

G24.gal 20/03/2022 08:33

O Goberno español informou "previamente" o executivo alxerino sobre a súa nova posición en relación ao Sáhara Occidental, segundo indicaron fontes do Goberno.

"Para España, Alxeria é un socio estratéxico, prioritario e fiable co que pretendemos manter unha relación privilexiada", engadiron as fontes.

Esta reacción chega despois de que Alxeria decidira chamar o seu embaixador en Madrid para "consultas con efecto inmediato" tras o "repentino cambio" de España sobre o Sáhara Occidental, segundo un comunicado do Ministerio de Asuntos Exteriores alxerino.

A reacción de Alxeria abre un novo capítulo nas relacións entre España e o país africano, principal provedor de gas da península Ibérica.

Relación "sólida" con Alxeria

Nunha entrevista no xornal La Razón, a voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, salienta a relación "sólida" entre España e Alxeria, un socio "estratéxico, fiable e amigo" co que se mantén unha interlocución fluída que pon en valor a alianza arredor do gasoduto.

Considera que o acordo sobre a antiga colonia española implica "respecto mutuo e ausencia de accións unilaterais" e réstalle importancia ás discrepancias co seu socio de Goberno, Podemos, nesta materia.

"Somos un Goberno de dous partidos políticos moi diferentes. Como partidos temos as nosas posicións, pero como Goberno actuamos cunha soa voz e a política exterior lidéraa o presidente do Goberno", recalca Rodríguez.

Comparecencia no Congreso

"En aras da transparencia", o executivo dará explicacións a todos os grupos políticos e o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, comparecerá no Congreso. Para Rodríguez, este xiro do Goberno abre unha nova etapa nas relacións con Marrocos e garante "a necesaria estabilidade".

"Alcanzamos compromisos mutuos e o seu cumprimento. Entre eles, a ausencia de accións unilaterais e manter unha comunicación fluída e franca para seguir reforzando a xestión dos fluxos migratorios. A clave será a cooperación. Este novo escenario vai darnos certeza, tanto a nivel político coma polos seus efectos positivos nos intercambios comerciais entre España e Marrocos", engade.

Segundo a portavoz, reafirmouse "o marco fundamental das Nacións Unidas para resolver a cuestión do Sáhara", porque España "pode expresar, como fixo, que considera a autonomía como a base máis seria e máis realista", pero son as partes as que teñen que chegar a unha solución "mutuamente aceptable" en liña coas resolucións da ONU.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar