O Goberno desvincula a reunión de Illa e Puigdemont da tramitación dos presupostos xerais
O ministro da Presidencia asegura que Pedro Sánchez "ten vontade" de verse co líder de Junts
Os presidentes socialistas de Asturias e Castela-A Mancha critican o encontro protagonizado polo seu homólogo catalán en Bruxelas
Polo momento, nada se sabe do que falaron Salvador Illa e Carles Puigdemont en Bruxelas, aínda que o ministro da Presidencia, Xustiza e Relación coas Cortes, Félix Bolaños quixo deixar claro que "nada ten que ver" nin cos presupostos xerais do Estado nin con ningunha outra lei que se estea tramitando no Congreso.
Trátase, di o executivo, da imaxe dun reencontro, dunhas fotos "nas que temos que traballar", segundo a ministra de Defensa, Margarita Robles.
Pero a foto que non convence a todos, tampouco a algúns socialistas. A Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias, a foto gústalle "pouco". Puigdemont, di o político, "repéleo bastante".
Críticas tamén do xefe do executivo de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, que agarda que Salvador Illa lle deixara claro a Puigdemont "que o presidente é el e que non hai mando a distancia". "Xa que Puigdemont exerce o mando a distancia en España, polo menos que non o faga en Cataluña", engadiu o socialista.
E tras Salvador Illa, o próximo encontro podería ser co presidente do Goberno. Segundo Félix Bolaños, ministro da Presidencia, "Pedro Sánchez xa dixo publicamente que a súa vontade é reunirse con todos os actores políticos".
Cre o PP que ese encontro non vai tardar. Segundo Alicia García, voceira dos populares no Senado, "Illa vai de avanzadilla, como digno sucesor de Cerdán, que está no cárcere, para humillar a democracia española".
Carles Puigdemont reuniu este mércores en Bélxica a cúpula de Junts para informalos, precisamente, do encontro co presidente catalán.