Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UCO investiga se a trama de Leire Díez cobrou mordidas por mediar en cinco contratos

A UCO investiga se a trama de Leire Díez cobrou mordidas por mediar en cinco contratos

O mércores pasado a UCO detivo a Díez, Fernández e Alonso, que onte sábado quedaron en liberdade preventiva con medidas cautelares: retirada do pasaporte e a obriga de comparecer cada quince días no xulgado

Leire Díez nunha imaxe de arquivo (Europa Press/Carlos Luján) Leire Díez nunha imaxe de arquivo (Europa Press/Carlos Luján)
G24.gal 14/12/2025 20:36 Última actualización 14/12/2025 21:10

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil investiga se a exmilitante socialista Leire Díez, o expresidente da SEPI Vicente Fernández e o empresario Antxon Alonso recibiron mordidas a cambio de mediar en ata cinco contratos con empresas relacionadas coa SEPI.

Algunhas destas operacións son o rescate da empresa Tubos Reunidos ou a adxudicación supostamente irregular dun contrato público de Mercasa, segundo adiantou a Cadea Ser e confirmaron a EFE fontes próximas á investigación.

Estas supostas irregularidades enmárcanse na operación dirixida polo Xulgado Central de Instrución 6 da Audiencia Nacional en coordinación coa Fiscalía Anticorrupción, cuxas dilixencias están baixo segredo sumarial.

O mércores pasado a UCO detivo a Díez, Fernández e Alonso, que onte sábado quedaron en liberdade preventiva con medidas cautelares, e esta semana a unidade da Garda Civil acudiu a pedir información á SEPI, Correos, entre outras dependencias, e rexistrou a sede de Enusa.

Segundo a información recollida pola Cadea Ser, a UCO indaga se os tres presuntos implicados ingresaron 750.000 euros en forma de comisións a través de cinco operacións levadas a cabo entre 2021 e 2023.

Destaca o rescate por 112,8 millóns da empresa Tubos Reunidos, polo que a trama percibiría 114.950 euros, ou o contrato do Parque Empresarial Principado de Asturias para a UTE Construcións e Escavacións Erriberri Afesa Medio Ambiente por 2,8 millóns, polo que os investigados recibirían 400.000 euros a modo de comisión.

Tamén permanece baixo lupa a concesión dunha axuda da Sociedade Estatal de Promoción e Desenvolvemento Empresarial (SEPIDES) á empresa Arapellet, que depende de Forestalia, por 17,32 millóns de euros, cunha comisión de 200.000 euros, e outras dúas operacións de menor entidade.

Entre elas, unha adxudicación supostamente irregular dun contrato de 18.119,75 euros da empresa pública Mercasa a Servinabar, administrada por Antxon Alonso e tamén participada, segundo os investigadores, polo exsecretario xeral do PSOE, Santos Cerdán, a través un contrato ao que o exdirixente socialista nega valor xurídico.

Os tres detidos por esta causa compareceron onte ante o xuíz Antonio Piña, quen acordou para eles liberdade provisional coa prohibición de saír do país, a retirada do pasaporte e a obrigación de comparecer cada quince días no xulgado, atendendo así a solicitude da Fiscalía Anticorrupción.

Leire Díez e Antxon Alonso acolléronse ao seu dereito a non declarar ante o maxistrado ao estar a causa secreta, mentres que Vicente Fernández negou participar en ningunha irregularidade en contratos públicos, segundo fontes xurídicas. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade