Publicador de contidos

O Goberno dá por pechada a crise interna a conta da reforma laboral

O Goberno dá por pechada a crise interna a conta da reforma laboral

Yolanda Díaz: "O debate xa está pechado"

A Mesa de diálogo social reuniuse este mércores 

G24.gal 03/11/2021 14:53

A vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, aseguraba hoxe que foxe de "debates estériles". Refírese así á última crise aberta na coalición á conta da reforma laboral. A tamén ministra de Economía cre "que os cidadáns merecen algo máis que un conflito entre eslógans ou un debate sobre unha palabra ou outra".

 "Non se trata de cambiar todo por cambiar"

A palabra da controversia é "derrogación", incluída no pacto que asinaron nas últimas horas PSOE e Podemos, pero que a número dous do Goberno segue esquivando. "Non se trata de cambiar todo por cambiar, trátase de corrixir aqueles elementos que vimos arrastrando", aseguraba Calviño nunha entrevista na Cadena Ser.

"O debate xa está pechado"

Pola súa banda, a ministra de Traballo dá por pechada a polémica. "O debate xa está pechado", asegurou Yolanda Díaz que pide agora deixar traballar "con serenidade" a mesa de diálogo social. A vicepresidenta segunda cre que se "avanzou moito" nos últimos sete meses e que "o ruído non axuda". 

Ese compromiso do Goberno coa derrogación da reforma laboral non satisfai os socios de investidura, que piden maior concreción. Para o líder de Más País, Íñigo Errejón, Pedro Sánchez "ten que aclarar que aspectos quere derrogar e cales non, ten que sacarnos a todos da bruma".

Este mércores reuniuse a mesa de diálogo social, a primeira xuntanza co novo formato, en que están sentados non só o Ministerio de Traballo, senón tamén outras catro carteiras do PSOE. A debate, os contratos temporais nas empresas. O Goberno non quere que pasen do 15 % do cadro de traballadores, cifra que rexeita a patronal. 

"Non quero que pareza que somos nós os malos"

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, non quere que pareza que os empresarios son "os malos" e asegurou estar disposto a "falar do que fala Europa, non do que fala un ministro ou ministra do Goberno".

Tamén se suman ás críticas os autónomos. Lorenzo Amor, presidente de ATA, asegura que "non nos van atopar en pegarnos un tiro no pé, en derrogar unha normativa laboral que está permitindo xerar emprego".

Pola contra, os sindicatos urxen a pechar a reforma antes de que acabe o mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade