O Goberno busca renovar o Tribunal Constitucional cunha reforma do CXPX
A reforma permitirá ao órgano de goberno dos xuíces nomear dous maxistrados a pesar de estar en funcións e así o Executivo poderá nomear ao mesmo tempo os dous que lle corresponden

O grupo socialista vai presentar no Congreso unha proposición de lei para permitir ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) nomear a dous maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) e desbloquear así a renovación deste órgano.
A proposición será presentada este venres no rexistro da Cámara Baixa polo portavoz do grupo socialista, Héctor Gómez.
O 12 de xuño pasado venceu o mandato de catro maxistrados do Constitucional, dous dos cales deben ser nomeados polo CXPX e outros dous polo Goberno.
Pero a interinidade do órgano de goberno dos xuíces ante a falta de acordo para a súa renovación impídelle agora mesmo facer nomeamentos, e ao fixar a Constitución que as renovacións do TC fanse por terzos era dubidoso que puidesen tomar posesión só os dous que lle corresponden ao Executivo.
O CXPX está en funcións desde decembro de 2018, e o bloqueo nas negociacións entre o Partido Popular e o PSOE impediu ata esta data poder acometer a súa renovación.
O Goberno impulsou en marzo de 2021 unha reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX) 2021 que prohibía ao órgano de goberno dos xuíces realizar nomeamentos discrecionais na cúpula xudicial estando en funcións. Tratábase dunha media coa que se pretendía precisamente presionar aos populares para que accedesen á renovación do CXPX.
Unha medida que agora van desfacer para permitir a renovación do Constitucional. Farse mediante a modificación do artigo 570 bis da Lei orgánica do Poder Xudicial. A iniciativa que autorizará o CGPX a nomear os dous maxistrados que lle corresponde a pesar de estar en funcións.
A intención do grupo socialista é que se tramite de forma urxente, mesmo antes do verán, e unha vez que o CXPX designe aos dous maxistrados que lle corresponden, que o Goberno faga o propio cos dous que lle toca designar.
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, xa confirmou que o Executivo nomearía aos outros dous maxistrados do TC que lle competen.
Pola súa banda, o portavoz de Podemos, Pablo Fernández, sinalou que a medida que impulsará o PSOE "non está pactada" coa formación violeta, segundo asegurou nunha entrevista en TVE.
Fernández reivindicou a renovación de "todos os órganos constitucionais" e que "se cumpra a Constitución", lembrando despois que o Partido Popular "leva máis de dous anos bloqueando" o órgano de goberno dos xuíces. "Cremos tamén que o Tribunal Constitucional ten que concretar a designación de todos os seus membros", dixo o portavoz.
Feijóo acusa a Sánchez de romper todas as pontes
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou ao Goberno de tentar "controlar" o Tribunal Constitucional e de "romper calquera tipo de ponte" na negociación para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.
O líder da oposición reprochou nunha entrevista en Tele5 que o PSOE, que reformou o órgano de goberno dos xuíces para impedir que faga nomeamentos cando está en funcións, impulse agora outra reforma para repoñer ao CXPX "competencias que practicamente lle furtou" para "controlar o Tribunal Constitucional".
"O Goberno parece ser que xa non lle interesa negociar o CXPX, senón que o que lle interesa é controlar o Tribunal Constitucional. Estabamos a negociar e decatámonos a través dos medios, en plenas conversacións, que o Goberno unilateralmente vai modificar o Consello Xeral do Poder Xudicial", denunciou Feijóo.
O PSOE ve de "máxima responsabilidade" aprobar a reforma
O portavoz do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, sinalou que a proposición de lei que permitirá renovar o Tribunal Constitucional é un exercicio de "máxima responsabilidade", e pediu o apoio da maioría dos partidos.
En declaracións no Congreso antes de participar nun acto sobre a OTAN e a UE, Gómez indicou que a iniciativa persegue dar normalidade ao funcionamento do Poder Xudicial en España "ante o bloqueo constante" do Partido Popular á renovación do máximo órgano dos xuíces.
"É un exercicio de máxima responsabilidade e non podemos seguir esperando 'sine die' polo Partido Popular e que estea na súa man e na súa vontade o que funcionen correctamente os tribunais no noso país", recalcou.