O Goberno aproba a eliminación dos exames de recuperación en secundaria
O Consello de Ministros aprobará mañá 87 millóns para a Formación Profesional, o real decreto que regulará como pasar de curso e como obter a titulación dos alumnos desde primaria a FP e unha partida de 666 millóns de euros para crear case 65.000 prazas en Infantil de cero a tres anos de aquí a 2024.
Unha das consecuencias da aprobación do real decreto de avaliación, promoción e titulación será a desaparición dos exames de recuperación de secundaria.
A pesar da moratoria dun ano que prometera a ministra de Educación Pilar Alegría ás comunidades autónomas que lla pediron para que este ano se mantivesen estes exames, un ditame do Consello Escolar do Estado obrigou a dar marcha atrás e con iso elimínanse este mesmo curso académico na ESO, non así en bacharelato.
Desde hai tempo, as recuperacións fanse entre xuño e xullo, en lugar de setembro. Había un consenso bastante xeneralizado sobre a eficacia limitada destas probas dada a dificultade de que un alumno puidese aprobar en tres semanas o que non lograra superar durante todo un curso académico.
O real decreto, que desenvolve a lei Celaá aprobada no decembro pasado, fai especial fincapé na relevancia do apoio, reforzo e detección temperá das dificultades de aprendizaxe e persegue evitar a repetición de curso, que no caso de España triplica a taxa da OCDE.
Ademais establece que o número de suspensos non sexa o único criterio que se deba ter en conta á hora de que un estudante pase de curso, senón que será unha decisión colexiada do equipo docente do centro, e que os mozos de Bacharelato poidan presentarse á proba de acceso á Universidade, a antiga Selectividade, cun suspenso se o claustro así o decide.
O Consello de Ministros tamén aprobará 87 millóns de euros para a Formación Profesional para o Emprego.
Pilar Alegría reiterou en múltiples ocasións que a Formación Profesional é un "proxecto de país" que busca ser a chave de acceso ao emprego de calidade. Con ese fin, aprobarase unha nova lei de FP que xa se atopa en tramitación parlamentaria e que recibiu máis de medio milleiro de emendas dos grupos políticos.
Unha das súas principais novidades é que esta etapa formativa terá que ser na súa totalidade de carácter dual, é dicir, deberá combinar os ensinos en clase coas prácticas na empresa.
Ademais, o Goberno destinará 660 millóns de euros para abrir case 65.000 prazas en educación infantil no período de cero a tres anos ao longo do próximo trienio, ata 2024. O Executivo realizou o anuncio en outubro de 2020.
A pandemia provocou un notable descenso dos nenos matriculados en Educación Infantil durante o último curso, 79.333 alumnos (-16,9 %) menos no primeiro ciclo (de 0 a 3 anos) e 47.911 alumnos menos (-3,7 %) no segundo ciclo (3-6 anos), segundo a Estatística dos ensinos non universitarios do Ministerio de Educación.