Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba ampliar a 19 semanas os permisos parentais retribuídos

O Goberno aproba ampliar a 19 semanas os permisos parentais retribuídos

O Goberno amplía a 17 semanas o permiso retribuído por nacemento. No caso das familias monoparentais elévase a 32 semanas

O executivo tamén aprobou remunerar dúas semanas máis para o coidado de menores de 8 anos

Os permisos aplicaranse a todos os traballadores, asalariados por conta allea, traballadores públicos e autónomos

G24.gal 29/07/2025 10:32 Última actualización 29/07/2025 15:13

O Goberno aprobou este martes en Consello de Ministros a ampliación do permiso por nacemento de 16 a 17 semanas; dúas semanas, das tres aumentadas, aplicaranse con efecto retroactivo a 2024, segundo explicou a vicepresidenta segunda do Goberno Yolanda Díaz.

"Somos un Goberno feminista", dixo Díaz, quen anunciou tamén a aprobación da ampliación ata as 32 semanas do permiso por nacemento para familias monopartentais, que nun 80 % están conformadas por mulleres en solitario.

O permiso por nacemento, o que se colle no primeiro ano de vida da crianza, amplíase unha semana e queda en 17, tanto para as nais como para os pais. No caso das familias monoparentais elévase a 32 semanas.

O Goberno tamén aprobou retribuír dúas das oito semanas que os proxenitores poden coller para coidar menores de oito anos. Para a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "España hoxe é mellor".

Para o sindicato de funcionarios CSIF ou a asociación Yo No Renuncio, a medida é insuficiente porque segue sen cumprir coa lexislación europea. Piden que se cubran esas oito semanas e que o permiso de nacemento se amplíe ás 20 semanas que recolle o acordo de coalición asinado polo PSOE e Sumar.

Yolanda Díaz asegura que, co decreto aprobado este martes, o Goberno cumpre "con creces" coa directiva europea e comprométese a subir o permiso por nacemento unha semana máis antes de que remate a lexislatura.

Pola contra, para o PP trátase "doutra fraude máis do goberno de Pedro Sánchez". Ester Muñoz, voceira dos populares no Congreso, critica que se presente como un logro o que esixe Bruxelas, un decreto que, ademais, terá que convalidarse no Congreso tras as vacacións.

Podemos xa adiantou que votará a favor, pero considera que o decreto é un "paso insignificante" e "insuficiente".

O Goberno aproba o Proxecto de Lei de Gobernanza de Dereitos Dixitais

Oscar López, Ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, falou da importancia do Proxecto de Lei de Gobernanza de Dereitos Dixitais aprobado este martes polo Consello de Ministros.

Cataluña xestionará os servizos ferroviarios de proximidade que ata agora xestionaba RENFE

O ministro de Transportes explicou o novo modelo de gobernanza que terán os servizios ferroviarios de Cataluña, unha vez que está aprobada a constitución da sociedade mercantil que se vai encargar da xestión do servizo de proximidades, que ata agora xestionaba RENFE.

A nova compañía de proximidade de Cataluña, Rodalies, estará operativa a finais de 2026. O ministro de Transportes e Mobilidade Óscar Puente explicou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros que se autorizou a constitución da sociedade mercantil Rodalies de Cataluña, que contará cunha participación do 50,1 % de Renfe e do 49,9 % da Generalitat.

O calendario que avanzou o ministro establece a constitución e inscrición no rexistro da nova empresa antes do 31 de decembro deste ano, para comezar as actividades organizativas en xaneiro de 2026 e estar plenamente operativa ao longo do ano próximo.

O Consello de Ministros aproba a distribución entre as comunidades autónomas de 500 millóns de euros para eficiencia enerxética e rehabilitación

O Consello de Ministros aprobou este martes unha distribución de 500 millóns de euros entre as comunidades autónomas para actuacións de eficiencia enerxética e rehabilitación, segundo avanzou a voceira do Goberno, Pilar Alegría, na conferencia de prensa posterior. 

A medida, promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, abarca por unha banda 300 millóns de euros destinados a este tipo de actuacións vinculados ao sector industrial, coa mirada posta especialmente nas pemes.

Ademais, establécese unha segunda distribución, neste caso de 200 millóns de euros, para a rehabilitación de edificios e tamén para a mellora de eficiencia enerxética no sector terciario.

Esta partida inclúe todo tipo de edificios, desde colexios, universidades, museos ou centros de saúde, explicou Alegría ao termo do Consello de Ministros.

Desta forma, o Goberno de España distribúe ás comunidades autónomas estes 200 millóns para que sexan estas as que decidan que edificios son prioritarios para cometer estas actuacións de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos