Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno agarda validar a reforma laboral a primeira semana de febreiro

O Goberno agarda validar a reforma laboral a primeira semana de febreiro

A ministra de Traballo intensifica os contactos con ERC e PNV

G24.gal 14/01/2022 14:34

O decreto da reforma laboral entrou en vigor tras publicarse no BOE, pero, para que non decaia, ten que validarse nas Cortes. O Goberno pide que se respecte o texto acordado con sindicatos e empresarios. A voceira do PSOE no Senado, Eva Granados, non contempla "que se toque nin unha coma dese real decreto".

A ministra de Traballo está negociando cos socios preferentes, Esquerra Republicana de Cataluña, EH Bildu e o PNV. Pero polo momento, ningún destes partidos acepta apoiar a reforma laboral tal cal está. Yolanda Díaz prefire os seus votos antes que os de Ciudadanos, que si está disposto a validar o decreto. Para Inés Arrimadas, "non hai que pensar no que queira Yolanda Díaz", e pregúntase se "a maioría dos españois quere que este acordo empeore polas esixencias de Bildu e ERC?".

Dende o PSOE tamén fan un chamamento ao principal partido da oposición. Este venres, a vicesecretaria xeral Adriana pediulle ao presidente do PP, Pablo Casado, "que en lugar de escoitar o extremismo, preste máis atención ás voces máis moderadas que aínda quedan no seu partido e que lle aconsellan apoiar esta reforma".

Pero os populares mantéñense no non, por moito que o decreto veña avalado pola CEOE. "Eles terán as súas razóns para ter chegado a acordo, pero se nós non estamos de acordo coa decisión que tomaron, somos libres", asegurou a vicesecretaria sectorial Elvira Rodríguez nunha entrevista en RNE.

Aínda así, o Goberno amósase confiado en que o Congreso aprobe a reforma na primeira semana de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade