Publicador de contidos

Publicador de contidos

O gasoduto Barcelona-Marsella ultímase no Cumio Euromediterráneo de Alacante

O gasoduto Barcelona-Marsella ultímase no Cumio Euromediterráneo de Alacante

Francia, España e Portugal queren que Europa financie a metade do proxecto

Estaba previsto o primeiro encontro entre Sánchez e Meloni, pero a primeira ministra italiana non viaxará finalmente a Alacante por gripe

Pedro Sánchez e Ursula Von der Leyen (arquivo) Pedro Sánchez e Ursula Von der Leyen (arquivo)
G24.gal 08/12/2022 19:40 Última actualización 09/12/2022 10:04

O corredor de hidróxeno verde Barcelona-Marsella será un dos principais asuntos que se trate este venres no IX Cumio Euromediterráneo de Alacante, o EU-MED9.

Os presidentes de España, Francia e Portugal reuniranse para pechar e anunciar os detalles técnicos do proxecto. A súa intención é que a Comisión Europea financie a metade da obra. Por isto se unirá á xuntanza a presidenta da Comisión Europea Ursula Von der Leyen.

Os resultados do encontro presentaranse á Comisión antes do 15 de decembro para poder recibir financiamento europeo.

A futura conexión enerxética entre Barcelona e Marsella é un proxecto coñecido ata o de agora como BarMar e foi rebautizado como H2Med.

O que se se sabe xa é que o corredor submarino H2Med transportará só hidróxeno verde, xa que o mecanismo de financiamento ao que se vai optar só ofrece fondos a aqueles proxectos que transporten unicamente hidróxeno.

Autonomía enerxética, gobernación económica e inmigración

Ademais dos desafíos que presenta a actual crise enerxética, o cumio abordará tamén a gobernación económica da Unión Europea , coa fixación das novas regras fiscais.

A maioría dos países que asisten á reunión de Alacante comparte formulacións comúns sobre ambos os temas.

No caso da autonomía enerxética, hai certa coincidencia ao rexeitar o tope ao gas proposto pola Comisión, ao considerar a súa proposta inicial, de 275 euros, moi elevada.

España considera ademais que unha proposta máis baixa, nos 220 euros, seguiría sendo moi afastada do aceptable e avoga por un prezo dinámico vinculado a prezos de referencia.

Sobre as regras fiscais, a maioría apoian a proposta da Comisión para empezar a discutir o asunto, sobre todo deixando atrás as regras actuais e apostando por unha senda de axuste diferenciada país por país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade