O G7 apoia o uso das reservas estratéxicas de petróleo para reducir os prezos do cru
A Axencia Internacional da Enerxía decide este mércores as medidas para afrontar a crise de subministración provocada pola guerra
Aagesen avanza que España apoiará a proposta da AIE de liberar reservas petróleo
Os líderes dos sete países máis ricos do mundo analizan en París as consecuencias económicas do conflito en Oriente Medio
Panel de prezos nunha estación de servizo en Vigo (TVG)
Os membros do G7 están a favor de que a Axencia Internacional da Enerxía (AIE) adopte medidas proactivas para afrontar a situación do mercado da enerxía, no que se dispararon os prezos do petróleo e do gas, incluído o uso de recurso das reservas estratéxicas.
Nun comunicado publicado pola presidencia francesa do G7 este mércores, un día despois de que os seus ministros de Enerxía mantivesen unha reunión híbrida (presencial e por videoconferencia), os sete países máis ricos do mundo sinalan que están dispostos a adoptar todas as medidas necesarias en coordinación cos membros da AIE.
O grupo que conforman os Estados Unidos, O Xapón, Alemaña, Francia, o Reino Unido, Italia e O Canadá indica que a reunión do Consello de Administración da AIE que está convocada este mércores ofrece aos seus 32 países membros unha oportunidade crucial para avaliar a seguridade actual da subministración e as condicións do mercado.
"En principio -engaden no seu comunicado- apoiamos a aplicación de medidas proactivas para facer fronte á situación, incluído o uso das reservas estratéxicas".
O ministro francés de Finanzas Roland Lescure, que o martes exerceu a presidencia da reunión dos responsables de Enerxía do G7, precisou este mércores nunha entrevista á canle BFMTV que a decisión non está tomada, xa que corresponde á AIE.
"O que queremos é que cando a AIE o decida colectivamente, se poida aplicar", puntualizou.
En canto ao obxectivo, sinalou que hai que dar unha mensaxe moi clara de que, se non se pode abrir o estreito de Ormuz inmediatamente, se utilizarán esas reservas estratéxicas, que dixo que supoñen máis de 1.000 millóns de barrís de petróleo.
As regras da AIE establecen que todos os seus membros teñen que dispoñer de reservas equivalentes a polo menos 90 días de importacións para facer fronte a situacións excepcionais, en particular cando se produce unha interrupción de subministración.
En paralelo á reunión do consello de administración da AIE, o presidente francés Emmanuel Macron convocou este mércores unha reunión dos líderes do G7 para analizar as consecuencias económicas da guerra dos Estados Unidos e Israel contra Irán, e en particular o seu impacto nos mercados da enerxía.
Aagesen avanza que España apoiará a proposta da AIE de liberar reservas petróleo
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, confirmou que España votará a favor da proposta da Axencia Internacional de Enerxía (AIE) para liberar reservas de petróleo, que será do dobre á realizada na guerra de Ucraína, e que para España supoñerá liberar 12 días e medio.
Segundo avanzou Aagesen nun almorzo informativo organizado por Europa Press, no caso de saír adiante esta proposta para busca reducir os prezos do cru e que debe ser tomada "de forma unánime", a liberación de reservas que correspondería a España sería de ao redor do 2 % do total, o que supoñería liberar reservas de 12 días e medio.
"Por parte de España apoiamos a medida e entendemos que os mercados van estar menos tensionados", dixo Aagesen.
Aagesen sinalou que espera que se coñeza o resultado da votación arredor das 13:00 ou 14:00 deste mércores.
A ministra lembrou que a AIE xa tomou unha medida similar durante a guerra de Ucraína cando tras a invasión do país por parte de Rusia se produciu unha forte tensión nos prezos nos mercados enerxéticos.