O Estradense continúa na carreira polo ascenso á Segunda RFEF
Gañoulle ao Noia no partido de volta por 2-0 con goles de Jaichenko e Gamarra de penalti
O Estradense continúa na pelexa polo ascenso á Segunda Federación. Eliminou ao Noia despois de gañarlle no partido de volta por 2-0 (3-1 no global) con goles de Valentín Jaichenko e Víctor Gamarra de penalti.
Levou a iniciativa o equipo da Estrada no primeiro tempo pero ata o gol de Jaichenko a eliminatoria estivo moi incerta. Gamarra e Porrúa gozaron de boas ocasións para os locais pero respostou o equipo visitante con remates de Xabi Castiñeiras e Hugo Losada.
O tanto no minuto 45 cambiou o partido. Xogando á contra o Estradense gozou de moitas oportunidades para marcar o segundo. Avisaron Gamarra, Jaichenko e Porrúa. No 68 Gamarra foi obxecto de penalti e o dianteiro madrileño marcou o segundo. Aí quedou resolto o enfrontamento co Estradense clasificado e o Noia eliminado logo dunha gran temporada.