Compostela e Arteixo seguen na pelexa polo ascenso á Segunda Federación
O conxunto santiagués goleou o Vilalbés (6-1) no partido de volta
O Estradense forzou a prórroga en Arteixo pero os locais acabaron superando a eliminatoria (2-2)
A Sociedade Deportiva Compostela e o Atlético Arteixo xogaranse un posto para a eliminatoria definitiva de ascenso á Segunda Federación. O Compostela superou con claridade o Rácing Vilalbés (6-1) e o Arteixo rendibilizou o gol de vantaxe que traía do campo do Estradense para pasar logo dunha prórroga (2-2).
O Compostela non lle deu opción ao Vilalbés logo do empate sen goles da ida. Os chairegos foron unha das mellores defensas do campionato pero no Vero Boquete fixeron augas. Maceira, Armental e Santi Prado en propia porta marcaron no primeiro tempo. Gardette recurtou diferenzas ao pouco de comezar a segunda metade pero os tantos de Guisande, Carlos López e do propio Maceira acabaron por deixar unha goleada de escándalo.
O seu rival na final galega será o Atlético Arteixo que traía un gol de vantaxe da ida diante do Estradense. O equipo visitante adiantouse en dúas ocasións cos goles de Brais Vidal e Ánder Bellido e conseguiu forzar a prórroga (1-2). No tempo suplementario o Estradense precisaba un terceiro gol porque no caso de rematar do mesmo xeito a clasificación sería para o Arteixo por mellor posto no campionato regular. Cos da Estrada emborcados os arteixáns aproveitaron unha contra e o gol de Raúl Melo provocou o delirio na Ponte dos Brozos.