O enésimo empate en Riazor desespera a afección do Deportivo
O enésimo empate en Riazor desespera a afección do Deportivo
Marcou cun remate do central Pablo Vázquez pero o Cornellà igualou na segunda parte noutro balón parado
Tres partidos na casa, tres empates. Os números do Deportivo están moi lonxe dos agardados e contra o Cornellà mesmo puido perder.
Sen un dianteiro puro no once titular o Deportivo pasou por moitos problemas para xerar ocasións no período inicial. Xa se sabían as virtudes do Cornellà, un equipo moi rochoso no aspecto defensivo que non dá un balón por perdido e co que o cadro coruñés tivo moitas dificultades para xerar ocasións. Case no único lanzamento entre os tres paus da primeira parte o central Pablo Vázquez acertou a rematar un córner sacado por Hugo Rama.
No segundo tempo melloraron as prestacións en ataque do Deportivo, pero foi o Cornellà o que aproveitou a súa ocasión noutra bóla parada. Desta volta, un saque de banda que acabou metendo na rede Andreu Hernández. Idiákez puxo no campo a Salva Sevilla e Martín Ochoa á procura do gol do triunfo.
O xogador rioxano a piques estivo de atinar ao pouco de entrar nun remate de cabeza e minutos máis tarde puxo un centro medido cara a Valcarce, pero Miño desviou o seu remate. Nun tempo engadido de tolos o Cornellà desperdiciou un man a man con Parreño e Balenziaga fallou a cabezada nunha inmellorable posición. Os dous puideron pero ningún desfixo o empate.