O Deportivo Xuvenil clasíficase para os cuartos de final da Copa do Rei
Derrotou á Unión Deportiva As Palmas por 3-1 no partido xogado en Abegondo
O seu rival nos cuartos de final será o Mallorca
O Deportivo Xuvenil superou á Unión Deportiva As Palmas na eliminatoria de oitavos de final da Copa do Rei, que se xogou en Abegondo (3-1).
O conxunto coruñés apañou unha boa vantaxe na primeira parte grazas aos goles de Álex Delgado e Kevin Sánchez, xogador que actúa de xeito habitual co Fabril.
No segundo tempo recortou distancias o cadro canario cun tanto de Hugo, que ata hai poucas semanas xogaba no Lugo. Sentenciou Guerrero no minuto 83 logo dun penalti que lle fixeron a el mesmo.
Nos cuartos de final enfrontarase ao Mallorca. A eliminatoria xogarase tamén a partido único. O resto de partidos serán Oviedo-Levante, Español-Betis e Badalona-Leganés.