Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo volve reaccionar pero queda a medio camiño da remonta no Molinón (1-1)

O Deportivo volve reaccionar pero queda a medio camiño da remonta no Molinón (1-1)

O Sporting adiantouse cun gol de falta de Otero, e o Deportivo tivo que remar outra vez

O gol do empate acadouno Barcia á saída dunha falta

Nos últimos minutos, dispuxo de ocasións para culminar unha nova remonta

G24.gal 28/03/2026 22:55

O Deportivo empatou no Molinón un partido no que mereceu máis e no que, outra vez, tivo que facer fronte a un gol madrugador do adversario. Non entrou ben o cadro coruñés, que viu como se adiantaba o Sporting, pero controlou totalmente a segunda parte, na que puido remontar. Pero acabou sumando un punto que o mentén polo momento na segunda praza.

O partido comezou con moitos minutos de tanteo, antes de ver a primeira ocasión. Foi á saída dun córner, que rematou o exdeportivista Pablo Vázquez e ao que respondeu Ferllo cunha gran parada. E, pouco despois, tamén a balón parado, adiantábase o equipo local. Otero sacaba unha falta perigosa ao pau de Ferllo e sorprendía ao porteiro.

O Deportivo tardou en coller o ritmo, pero foise facendo co control cun par de achegamentos nas botas de Luismi. E rematou este primeiro tempo cunha boa ocasión de Nsongo, que non precisou o centro chut, e cun córner que tivo que despexar Pablo Vázquez no segundo pau.

A segunda metade comezaba con dúas boas ocasións de Nsongo que sacou Yañez. A media hora para o final entraba Yeremay, que cabeceaba por riba do traveseiro a súa primeira ocasión.

E, no 80 ,unha falta recibida polo canario na banda esquerda ía converterse no tanto do empate. Acadouno Barcia, logo do centro de Luismi.

Outra vez o Deportivo marcaba no treito final, e outra vez acabou dominando totalmente o choque. Outro balón cruzado, cun despexe defectuoso de Sánchez estivo a piques de beter ao seu porteiro Yáñez, que reaccionou con axilidade.

Entraba o partido no engadido, terreo favorito do Deportivo máis recente, e os coruñeses puxéronlle cerco á porta de Yáñez, e entre Mulattieri e Zaka tiveron unha gran ocasión que non puideron rematar. Desta volta, o Deportivo non puido culminar a remonta, pero trae un punto de Xixón que lle permite seguir sumando e manter o ritmo da cabeza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos