O Deportivo remata coa seca cun triunfo en Zaragoza (0-2)
Os coruñeses decidiron na segunda parte, cun gol de SOriano e outro de Mella logo dunha gran xogada de Yeremay
O triunfo volve meter ao equipo nos postos de promoción de ascenso
En Zaragoza colidían dous equipos en mala dinámica de resultados, con 4 derrotas seguidas dos maños, e cinco encontros sen gañar os galegos. En calquera caso, as urxencias á beira do Ebro eran moito máis grandes.
O primeiro aviso deuno Yeremay, cun caracoleo marca da casa que so puido parar en falta a defensa local. Respondía o cadro aragonés cun gol anulado a Guti por un claro fóra de xogo, mentres Mella volvía poñer a proba a Adrián, que sacaba a córner. Despois tocoulle a quenda a Mario Soriano, ao que tamén lle sacaba o remate Adrián. E loureiro sumábase tamén ao ataque cun disparo desviado.
Contra a media hora chegaba a máis clara para o Zaragoza, cun balón ás costas da defensa que deixaba so a Toni Moya. O seu remate sacábao Germán Parreño. E, pouco despois, Valery anticipábase a Mella e caía na área, pero Aix Reig non xulgou a acción como penalti.
Aos poucos, o Deportivo ía facéndose co control do xogo, e comezou a achegarse pola área local. E así chegou unha clara ocasión nas botas de Noubi, que acabou en córner. Pediu penalti doutra volta a parroquia local, pero aínda tivo outra clara o Deportivo, nun remate de Soriano que marchou por pouco.
Na segunda metade o Deportivo si puido concretar as súas ocasións. Primeiro, cun gran remate de Mario Soriano desde a frontal que se converteu no 0-1 aos 54 minutos.
E, no 72, unha galopada impresionante de Yeremay permitíalle gañar a liña de fondo. O canario asistía co calcaño, e Mella entaba desde atrás para amppliar a vantaxe coruñesa.
O intento máis serio do Zaragoza para intentar evitar a quinta derrota consecutiva foi un gol pantasma, con Parreño detendo a pelota sobre a mesma liña e impedindo o tanto.
O triunfo remata coa seca do Deportivo, que volve pisar postos de promoción e queda a dous puntos do ascenso directo.
