Fran Alonso confía en repetir a vitoria en Zubieta da temporada pasada
A G2 e Agalega.gal retransmiten este domingo (12:00 horas) o partido que xoga o Deportivo Abanca no campo da Real Sociedade
O Deportivo Abanca xoga este domingo en Zubieta diante da Real Sociedade o partido correspondente á xornada 14 da Liga F. O partido poderá verse en directo pola G2 e Agalega.gal a partir das 12:00 horas. Chega nun bo momento o cadro coruñés que gañou os dous últimos partidos como local diante do Levante e o Granada, uns resultados que lle permitiron coller unha marxe de oito puntos cos postos de descenso.
Con esa tranquilidade o equipo de Fran Alonso pretende mellorar os resultados como visitante aínda que o rival non é o propicio para logralo. O rendemento da Real Sociedade está a ser extraordinario e mesmo conseguiu impoñerse ao todopoderoso Barcelona por 1-0 nunha das grandes sorpresas de todo o campionato. A Real ocupa o terceiro posto con 27 puntos.
Alonso bota a vista atrás e lembra a vitoria conseguida o ano pasado (1-2), un resultado determinante para saír dos postos baixos e que lle deu moita tranquilidade ao equipo en toda a segunda volta. Conseguir algo positivo permitiríalle dar un salto na clasificación dentro do grupo de equipos (catro) que se atopan empatados a puntos.