O Deportivo gaña no engadido en León (0-1) para durmir no 2º posto
Yeremay transformou un penalti cometido por Mella no minuto 91'
Edgar Badía tivo o empate nunha cabezada no 97'
Os coruñeses remataron o partido na zona de ascenso directo
No Reino de León enfrontábanse o mellor visitante e o segundo peor local. E o Deportivo conseguiu a vitoria. Pero non foi sinxelo, houbo que sufrir e resolver xa no tempo engadido, cun penalti que transformou Yeremay para que o conxunto herculino durmise nos postos de ascenso directo.
O partido comezou con susto, cando so ían tres minutos. Un remate de Iván Calero estrelouse no pau de Ferllo. Saiu mellor a Cultural, que se intentou adiantar no marcador, pero o Deportivo aguantou ben ese ímpetu inicial e, aos poucos, foise facendo co control. O primeiro achegamento aos dominios de Edgar Badía foi cun remate lonxano de Quagliata ao cuarto de hora.
Pero houbo que agardar aos minutos finais desta primeira metade para ver unha versión máis recoñecible do mellor visitante da categoría. Os coruñeses pediron un penalti de Rodri Suárez sobre Yeremay, pero Huerta de Aza non o sinalou. E Soriano rematou lambendo o pau para culminar unha serie de achgamentos do Deportivo para mandar o encontro aos vestiarios.
Na segunda metade volveu sair mellor o equipo local. Pero, despois dunha serie de córners que non xeraron moito perigo, o Deportivo saiu á contra, e Luismi sacou un envío desde a banda esquerda que se estrelou no pau. Curiosamente outro centro, desta volta de Mella desde a dereita, batía tamén no traveseiro de Badía. Desde o medio intentouno despois Yeremay, pero o balón marchou alto.
Pero a máis clara ía chegar no minuto 63, cun rápido ataque no que Yeremay se plantou diante de Badía, pero o porteiro sacoulle o remate. O rexeitamento caéulle a Soriano, pero o seu envío sacouno baixo paus Hinojo.
As mellores ocasións desta segunda metade eran dos galegos, como un remate lonxano de Soriano que rexeitou Badía, ou outra boa acción de Ximo Navarro. Pero o gol chegou no tempo engadido. Foi nunha rápida contra, con Mella diante de Badía, e cun penalti cometido polo porteiro na saída. A pena máxima transformouna Yeremay no único tanto, que lle permitía ao Deportivo durmir no segundo posto da táboa con 40 puntos. Pero a Cultural aínda tivo a última ocasión, nunha falta no 97 que chegou a rematar Edgar Badía. A cabezada do porteiro saíu preto do pau, pero non entrou, e o 0-1 foi xa definitivo.