O Deportivo entra en crise: dos sete últimos partidos, só gañaron un
Desde o 26 de xaneiro, os de Borja Jiménez só sumaron 5 puntos de 21 posibles e marcaron catro goles
O Deportivo da Coruña entrou oficialmente en crise. Dos sete últimos partidos, só gañaron un. Quedan once partidos para rematar a temporada regular e o equipo non ten trazas de levantar cabeza. Máis ao contrario, esta fin de semana fixeron o peor partido da temporada contra o Badaxoz.
Coa súa visita o Zamora, o Deportivo finalizou unha xeira de trece xornadas sen coñecer a derrota. Os coruñeses apuntaban daquela a ascenso directo. Pero dende aquel 26 de xaneiro os de Borja Jiménez só sumaron 5 puntos de 21 posibles e marcaron catro goles. O play off semella a opción máis optimista nestes momentos.
Coa estrondosa derrota ante o Badaxoz, o equipo descolgouse da primeira praza. Os coruñeses están a seis puntos do líder, un Racing que acumula 12 xornadas sen perder, e a cinco da sexta praza, xa fóra dos postos de promoción.
A falta de 10 xornadas por disputarse, o Deportivo busca un xiro. Seis deses encontros xogaranse na casa, pero Riazor está lonxe de ser un fortín. Os catro últimos liquidáronse con dúas derrotas, unha vitoria e un empate.
O Deportivo vixía ademais os seus inmediatos perseguidores, Celta B e Raio Majadahonda, terceiro e cuarto clasificados con 47 puntos e seguintes rivais na liga tras a cita coa Cultural deste sábado.
#OSNOSOS | O Dépor cambia a planificación e comezará esta tarde a semana de traballo https://t.co/vZtFpOrizU pic.twitter.com/MnmgdQ6IEI
— RC Deportivo (@RCDeportivo) March 13, 2022