O Deportivo comeza o ano con fichaxes e a intención de recuperar o ritmo
Hidalgo repasou a actualidade do equipo antes de enfrontarse o domingo co Cádiz (21h)
Non foi este un Nadal tranquilo para Antonio Hidalgo, que comeza o ano máis preocupado por darlles a volta ás eivas futbolísticas coas que rematou o Deportivo o 2025 que polo durísimo calendario que afronta en xaneiro.
Se cadra por iso, os dous primeiros reforzos de inverno foron un porteiro, Álvaro Fernández, e un lateral, Altimira. O primeiro, iso si, forzado por unha solicitude do meta austríaco Danniel Bachmann.
Encaixar menos, apañou sete goles nos tres últimos encontros ligueiros, é a primeira preocupación de Hidalgo. Pero non a única. Tampouco parece satisfeito coa produción ofensiva.
Melloras que urxen nunha empinada costa de xaneiro que principia coa visita a Riazor dun Cádiz que marca a fronteira da pelexa polo ascenso a só dous puntos dos deportivistas.