O Deportivo anuncia 11 millóns de perdas e aproba un crédito de 12 millóns
O Deportivo anuncia 11 millóns de perdas e aproba un crédito de 12 millóns
O orzamento deste ano será de 6,5 millóns de euros e estima unhas perdas duns 1,5 millóns
O Deportivo celebrou a xunta xeral de accionistas en que aprobou un orzamento para esta temporada duns 6,5 millóns de euros e agarda unhas perdas que estarían próximas aos 1,5 millóns, algo que podería mudar en función da pandemia e dos resultados do primeiro equipo.
Os números son sensiblemente mellores aos da temporada anterior. A Xunta anunciou unhas perdas de 11 millóns de euros na campaña 20-21, a do descenso a Segunda División B. O custo do cadro de xogadores (máis de sete millóns de euros) e a amortización de xogadores que deixaron o club fixeron que esta partida se fose por riba dos dez millóns de euros. Pola contra diminuíron os ingresos de televisión (en Segunda eran duns 9 millóns de euros).
Para compensar este desequilibrio económico o máximo accionista do club, Abanca, concedeu un crédito participativo de ata 12 millóns de euros (dos que xa se utilizaron 3,3). Abanca tería a posibilidade de capitalizalo en accións no lugar de computalo como débeda co que podería aumentar a súa presenza dentro do capital social do club.