O Deportivo Abanca pecha a Liga con derrota nun partido trepidante co Madrid CFF (4-3)
As coruñesas remontaron un 2-0 con goles de Olaya, Paula e ADT en 10 minutos
Nautnes completou unha gran actuación con dous goles no treito final para deixar os puntos en Fuenlabrada
O Deportivo Abanca, xa salvado, remata a Liga 14º
Logo de facer os deberes e asegurar a permanencia hai unha semana na penúltima xornada, o Deportivo Abanca pechaba a Liga no campo do Madrid CFF, coa idea de gañar e subir algunhas posicións. Pero, malia levantar un 2-0 na contra, as coruñesas non foron quen de pechar o encontro e sufriron a gran actuación de Nautnes que, cun hat trick, asgurou a vitoria local.
Foi un partido de alternativas, con momentos para os dous equipos. O primeiro das madrileñas, entre o minuto 15 e o 20, cando Mendoza e Nautnes anotaban o 2-0. Durante moitos minutos, ese marcador mantívose pero, cos cambios, as galegas melloraron, e protagonizaron unha gran remonta, cos goles de Olaya, Paula e Ana de Teresa. As tres marcaron entre o 71 e o 81, deixando un 2-3 que facía subir o equipo varias posicións na táboa.
Pero as madrileñas reaccionaron: Outros dous goles de Nautnes, no 86 e no 90, permitíanlle ao cadro madrileño volver adiantar ás coruñesas, que rematan a Liga con 27 puntos, no 14º posto, xusto por riba dos descendidos Betis e Valencia.