O cumio da OTAN fixará a estratexia da Alianza para a próxima década
O cumio da OTAN fixará a estratexia da Alianza para a próxima década
Haberá un foro de debate específico sobre as ameazas que veñen de África
Participarán 41 xefes de Estado e de Goberno
Os ministros de Exteriores e Defensa avanzaron algúns detalles do cumio da OTAN que se vai celebrar a semana que vén en Madrid, que cualifican como o máis importante desde a Guerra Fría.
Participarán 41 xefes de Estado e de Goberno de 44 delegacións internacionais de países membros da Alianza Atlántica, da Unión Europea, de Australia e dos continentes africano e asiático.
Do cumio sairá un novo concepto estratéxico que definirá as ameazas ás que ten que facerlle fronte a OTAN na próxima década, con especial atención ao flanco leste, pola ameaza de Rusia, e tamén ao flanco sur, ás ameazas que proceden de África.
Margarita Robles, ministra de Defensa, asegurou que "empeza unha etapa nova en que temos que reflexionar moito. Quizais vivimos todos indiferentes pensando que estabamos seguros, e non, hoxe por hoxe a seguridade non está garantida".
José Manuel Albares, ministro de Exteriores, sostén que "o cumio da OTAN é un éxito de España, pon de relevo a confianza política que teñen en nós os nosos aliados e os nosos socios transatlánticos"