O coruñés Manuel Mosquera é o elixido para facer reaccionar o Córdoba
A Ponferradina tamén muda de adestrador na Segunda e asina a Juanfran, ex-xogador do Celta e exadestrador do Lugo
O Córdoba acaba de oficializar a fichaxe do adestrador coruñés Manuel Mosquera como novo técnico do equipo andaluz ata fin de temporada. Substitúe no cargo a Germán Crespo. Unha xeira de malos resultados levou o Córdoba dun claro liderado na primeira volta ao sétimo lugar que ocupa arestora na clasificación, fóra dos postos de promoción.
O Córdoba será un dos xuíces na loita polo ascenso, xa que recibe a Alcorcón, Deportivo e Racing nas vindeiras semanas. Mañá martes Mosquera dirixirá o seu primeiro adestramento.
E o exadestrador do Lugo, Juanfran, quen salvou o equipo do descenso hai tres anos, será o adestrador da Ponferradina. Juanfran intentará lograr a permanencia do equipo leonés, que está a seis puntos da salvación. A Ponferradina destituíu a David Gallego logo de conseguir tan só unha vitoria nos últimos dez partidos. Juanfran será presentado nas próximas horas.