Quen superou un cancro non terá que declarar a enfermidade para pedir unha hipoteca ou un seguro
O Consello de Minstros aproba o dereito ao esquecemento oncolóxico
Os sobreviventes de cancro non terán que declarar os seus antecedentes oncolóxicos á hora de subscribir un seguro de vida ou unha hipoteca sempre que pasasen cinco anos desde o fin do tratamento e sen recaída posterior, segundo o decreto-lei aprobado en Consello de Ministros que fai efectivo o dereito ao esquecemento oncolóxico.
O dereito ao esquecemento oncolóxico é un compromiso do Parlamento europeo e deberá ser unha realidade en toda a UE antes do ano 2025. España era, xunto a Italia e Malta, os únicos países europeos sen unha lexislación vixente que evitase que bancos e aseguradoras discriminasen pacientes oncolóxicos.
O Consello de Ministros prorroga ademais ata fin de ano a bonificacion do transporte público e as axudas ao gasóleo para profesionais. Tamén a eliminación do IVE dos alimentos básicos e a rebaixa do de aceites e pastas. E mantén conxelado o prezo da bombona de butano. Pero inclúe outras medidas novas como a rebaixa do 15% no IRPF pola compra de coches eléctricos e a instalación de recarga de baterías.
"Trátase de consolidar os investimentos en marcha para a modernización da industria automobilística. E axilizar a despregadura do vehículo eléctrico no noso país", di Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos.
En materia de vivenda o executivo mantén a prohibición de desafiuzar os que non teñan outra casa a onde ir pero levanta a conxelación do prezo do alugueiro para novos contratos. E aproba unha nova liña de avais do ICO.
"Para axudar os que teñan menos de 35 anos e as familias con menores ao seu cargo a pagar a entrada da súa primeira vivenda", di Calviño.
O Goberno tamén aprobou por decreto medidas incluidas na lei de Familias que decaeu pola convocatoria electoral. Destaca un permiso retribuído de cinco días para coidar familiares ou conviventes.
IONE BELARRA. Ministra de Dereitos Sociais
"Un permiso que se poderá usar ante motivos familiares urxentes, por exemplo se o teu pai ou nai enferman e debes acompañalos o médico, ou se o teu fillo ou filla pasaron unha mala noite e precisas quedar con eles na casa", explicou Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais.