O Consello da Xunta aproba o decreto para que os PAC abran os sábados á mañá
A norma centraliza a atención médica extrahospitalaria nos puntos de atención continuada durante a fin de semana e nas xornadas festivas
O Consello da Xunta aprobou este luns o decreto que centraliza a atención médica extrahospitalaria durante a fin de semana nos puntos de atención continuada (PAC), o que vai supor que estean abertos os sábados á mañá.
Desde a Xunta destácase que con esta reforma legal se blinda que todos os PAC estean abertos 24 horas os sábados, domingos e festivos.
O presidente da Xunta explicou que ao mesmo tempo, e para facer posible esta reorganización, nos próximos dous anos vaise incrementar o persoal destes centros con 211 novas prazas, das que 100 serán de médicos, 80 persoal de enfermería e 31 doutras categorías.
Sinalou Alfonso Rueda que isto suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros.
Ademais o Consello da Xunta tamén aprobou melloras retributivas para o persoal dos PAC, tras o acordo alcanzado cos representantes dos traballadores.
O acordo, do que o sindicato CIG se desmarcou, inclúe un programa especial para a cobertura das xornadas dos sábados nos PAC galegos de forma que, a partir do 1 de xuño, as xornadas de 24 horas en sábado contarán cunha retribución adicional de 168 euros para o profesional médico, 135 euros para o persoal de enfermería e de 96 euros para o persoal de xestión e servizos.