Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso valida a subida das pensións e amplía as axudas ao transporte público

O Congreso valida a subida das pensións e amplía as axudas ao transporte público

Vox foi a única formación política que votou en contra, rexistrando un total de 33 votos

Tamén aproba a suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos por falta de pagamento de renda de fogares vulnerables, a prohibición de interromper as subministracións básicas a fogares vulnerables e o escudo antiopas

O Congreso dos Deputados este mércores
G24.gal 12/02/2025 15:51 Última actualización 12/02/2025 21:47

O Congreso dos Deputados validou este mércores o real decreto lei que revaloriza as pensións e prorroga as axudas ao transporte público, entre outras medidas. Vox foi a única formación política que votou en contra, rexistrando un total de 33 votos.

Así e todo, os resultados foron os previstos cunha ampla maioría de 315 votos a favor, procedentes dos socios parlamentarios do Goberno e os deputados de PP e Junts. Só se rexistrou unha abstención, por parte de Unión do Pobo Navarro (UPN).

Ademais, o Congreso aprobou tramitar o texto como proxecto de lei, o que permitirá aos grupos presentar emendas. Este real decreto lei recupera varias das medidas recollidas no denominado decreto ómnibus, que decaeu ao non lograr apoios suficientes no Congreso, pero deixa fóra outras, como as entregas a conta das comunidades autónomas ou as axudas á compra de vehículos eléctricos.

Na defensa da norma, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, agradeceu o apoio dos grupos que permite poñer fin a "unha incerteza innecesaria e inxustificada", aínda que ironizou co cambio do sentido do voto do PP cando o seu apoio xa non é necesario e despois de "ser tan vehementes" na defensa duns argumentos que resultaron "falsos".

Desde o PP, o deputado Jaime de Olano defendeu o seu apoio ao texto porque recolle tres das súas esixencias -subir pensións, bonificar o transporte e axudar coa DINA- e a pesar de que hai medidas que non lles gustan, como a cesión dun palacete en París ao PNV. Junts, pola súa banda, xustificou o seu cambio de postura en que este real decreto lei si fora negociado.

Ademais de PSOE e Sumar, apoiaron o real decreto lei -entre críticas a PP e Junts por rexeitar a primeira norma e ao Goberno polas medidas que quedaron fóra- PNV, ERC, Bildu, BNG e Coalición Canaria.

Vox rexeitou o real decreto lei por consideralo unha "trampa" e unha "vergoña" que non resolve o problema das pensións, mentres que UPN optou pola abstención porque, aínda que apoia algunhas medias, oponse a outras como o fin da rebaixa do IVE dos alimentos.

Pensións, transporte e subministracións básicas

O real decreto lei validado este mércores sobe as pensións nun 2,8 % -un 9 % as non contributivas- e actualiza tanto as bases máxima e mínima de cotización ao sistema de Seguridade Social como as contías do mecanismo de equidade interxeracional (MEI), todo iso con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro.

Tamén prorroga as bonificacións ao transporte público, a suspensión de desafiuzamentos e lanzamentos por falta de pagamento de renda de fogares vulnerables, a prohibición de interromper as subministracións básicas a fogares vulnerables e o escudo antiopas.

Ademais, inclúe as axudas a municipios, fogares e empresas afectados pola DINA e as correspondentes aos damnificados pola erupción do volcán da Palma, á vez que pon en marcha un sistema público de avais e garantías para propietarios e inquilinos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade