O Congreso deberá votar a rebaixa do IVE dos alimentos básicos
O Parlamento de Galicia xa pedira, por unanimidade, a rebaixa do IVE
A cesta da compra obriga a botar contas nas economías familiares. Populares e nacionalistas coinciden en que hai que tomar medidas.
"Buscar fórmulas para que eses bens básicos de consumo tiveran un prezo mellor", di Ana Pontón, Portavoz nacional do BNG.
"Aliviaría o peto de cidadáns que levan moitos anos sufrindo o peso dun descontrol evidente", asegura o popular Alberto Pazos.
Os socialistas cren que hai outras prioridades.
"Avaliar as necesidades nos centros educativos. Ese si é un problema no que estamos entregados", asegura Aitor Bouza.
As receitas para abaratar a cesta da compra son distintas. Os nacionalistas poñen o foco nas empresas.
"Pois con acordos coas cadeas de distribución. Son aspectos nos que se podería incidir", di Ana Pontón.
Desde o PP defenden a rebaixa do IVE en produtos coma o peixe, a carne ou os ovos.
"Facilitaría que eses cidadáns puideran acceder a alimentos que son básicos", explica Alberto Pazos.
A rebaixa do IVE do peixe é unha demanda unánime aprobada no Parlamento de Galicia.
"É lamentable que se empregue o Parlamento de Galicia para confrontar permanentemente co Parlamento de España", apunta Aitor Bouza, do PSdeG.
Os votos do Congreso decidirán se sae adiante a rebaixa do IVE dos alimentos básicos.